Continúan as críticas á falta de reacción do Goberno galego en relación á hostalaría

O concello da Coruña reúnese con todas as asociacións da hostalaría e o comercio da cidade para valorar un novo plan de reactivación económica. A Xunta mante´, polo seu lado, unha xuntanza só con tres das entidades do sector e o presidente do Clúster de Turismo.
Reunión do sector da hostalaría no concello da Coruña (Nós Diario)
photo_camera Reunión do sector da hostalaría no concello da Coruña (Foto: Nós Diario)

A reunión de urxencia por parte do Goberno galego co conxunto do sector da hostalaría, na que achegaba como representación institucional ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e as responsábeis de Sanidade e Emprego, tivo lugar hoxe con só tres entidades e o Clúster de Turismo. No momento da redacción desta nova aínda non trascendera o seu contido mais era evidente o malestar das que non foron convidadas, como foi o caso de Hostalaría Compostela

Esta pasada cuarta feira mesmo, pola mañá, reuníase na Coruña a hostalaría e o comercio da cidade no concello coa proposta de elaborar  novo plan de reactivación económica e social (Presco). Héctor Cañete, da Asociación Provincial de Hostalaría, e Xabier Barral, da Plataforma Shostalería, demandaron o mantemento das axudas económicas para o pago da cota de autónomos, da Seguridade Social e dos alugueiros solicitando unha maior axilidade na súa tramitación.

O concelleiro de Economía, José Manuel Lage, manifestou a vontade "de seguir estando perto dos sectores que máis están a sufrir a crise e de continuar reclamando á Xunta a posta en marcha de medidas extraordinarias”. A representación dos grupos municipais coincidiu nesta valoración menos o PP que sinalou como "cambios menores nas ordenanzas fiscais" a postura defendida polos demais.

Críticas de BNG e PSdeG á falta de medidas

As críticas á falta de reacción do Goberno galego neste tema viñeron tamén desde os grupos da oposición no Parlamento galego. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou que as restricións teñen unhas consecuencias económicas que deben ser tidas en conta por parte do Goberno galego porque afecta aos  ingresos de miles de familias e exixiu axudas directas a sectores como a hostalería, o comercio, o turismo ou os servizos.

"A todos os que ven obrigados a fechar as portas e que quedan sen ingresos", apuntou. Pontón, lembra que Feixoo "tivo tempo para anticiparse e ter preparadas as axudas económicas que deberían acompañar ás medidas sanitarias".

Polo seu lado, o secretario  xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao Goberno galego a acompañar as restricións anunciadas onte, que considera que implican un "feche encuberto da hostalaría", de "respaldo económico" a todos os sectores afectados.

En declaracións aos medios, Caballero asegurou que a súa formación acata, respecta e asume todas as medidas que, se deben tomar "con sustento clínico" mais tamén con "respaldo ao conxunto da economía galega" polo que  criticou que en todo a 2020 só habilitase "22 millóns de euros" para apoiar aos comercios e á hostalaría.

Comentarios