Hostalaría e comercio consideran "un insulto" e "insuficentes" as medidas

Esta quinta feira entra en vigor o Decreto-lei de apoio ao comercio, á hostalaría e ao turismo que aprobou o Goberno español. Na Galiza, desde estes sectores rexeitan unhas medidas que non contemplan nin axudas directas nin a paralización de taxas e impostos. Pola contra, cren que os "endebeda" máis de cara a 2021.
En Compostela, manifestación convocada pola Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela para pedir a reapertura da hostalaría (Arxina)
photo_camera En Compostela, manifestación convocada pola Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela para pedir a reapertura da hostalaría (Arxina)

O Real Decreto-lei aprobado a pasada terza feira polo Goberno español co plan de rescate para a hostalaría, o comercio e o turismo non sentou nada ben nestes sectores. O texto contempla unha batería de medidas fiscais e laborais mais non as axudas directas que se reclamaban con insistencia após meses de incerteza sobre o futuro, logo de que a pandemia provocara o fechamento total ou parcial de boa parte das empresas. 

Con este plan o Goberno español afástase das liñas que aplicaron nesta altura outros países europeos. É o caso de Alemaña, que xa puxo en marcha axudas directas de máis de 10.000 millóns de euros ademais de aprobar importantes reducións no Imposto do Valor Engadido (IVE) ou Francia, que decidiu apoiar estes sectores con bonos ao consumo e axudas directas de 10.000 euros por estabelecemento. A norma entrará en vigor mañá tras a súa publicación definitiva hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Arrendamentos, avais e medidas tributarias

O plan aprobado conta cun importe total de 4.220 millóns de euros e ten como eixos principais medidas dirixidas a arrendamentos de locais, de liquidez e tributarias. 

En relación aos arrendamentos, a norma estabelece que no caso de que o arrendador sexa un gran propietario, con 10 ou máis locais, o arrendatario poderá optar entre unha quita de 50%, ou un aprazamento do pago até catro meses despois da finalización do estado de alarma. 

Sobre as medidas de liquidez e solvencia, a norma amplía a carencia dos préstamos avalados polas liñas do Instituto de Crédito Oficial (ICO). Ademais crea un novo tramo da liña de avais para pemes e autónomos do sector turístico, hostalaría e actividades anexas dotada con 500 millóns de euros e con até un 90% de garantía.

Por último, a norma contempla unha nova edición do aprazamento de débedas tributarias, que permite adiar durante 6 meses, con tres de carencia de intereses, débedas tributarias correspondentes a declaracións-liquidacións e autoliquidacións cuxo prazo de presentación e ingreso finalice desde o día 1 de abril até o día 30 de abril de 2021, ambos inclusive, de modo que en lugar de ingresar en abril ingresaríanse as débedas en outubro. 

O comercio tamén pide axudas directas

A Federación Galega de Comercio tamén considera insuficiente o plan do Goberno español para o seu sector. "Malia que toda medida paliativa é benvida, tendo en conta o complexo contexto actual e as previsións a medio prazo, o plan de apoio aprobado resulta insuficiente e chega tarde", sinalan fontes da entidade a Nós Diario. Reclaman como principal reivindicación "axudas directas tal e como están a facer noutros países da nosa contorna".

Afirman que é este plan debería contemplar axudas directas aos comercios, que é unha das nosas principais reivindicacións, tal e como están a facer noutros países da nosa contorna. Esta é "a única forma de garantir a continuidade das pemes, micro-pemes e autónomos do sector do comercio que se viron máis seriamente afectados polo impacto da crise derivada da Covid-19".

En relación á contía, sinalan que "resulta moi escasa para o conxunto dos sectores". Alertan de que, malia algunhas destas axudas estaren encamiñadas a dotar de liquidez aos comercios, "formúlanse a costa de afrontar un endebedamento que coas perspectivas de futuro actuais, cunha actividade moi inferior á desexada, resultarán pouco eficaces para as empresas ao non poderen facer fronte ás obrigas derivadas das mesmas".

Hostalaría Compostela cre que o plan é "un insulto"

A Asociación Hostalaría Compostela foi unha das primeiras entidades en reaccionar para amosar o seu descontento co plan. Ademais da falta de axudas directas que poderían axudar de maneira urxente ao terzo dos locais que están en perigo real de fechamento, a entidade compostelá bota en falta outro tipo de medidas que se propuñan no Plan de rescate presentado de forma conxunta pola hostalaría galega. 

"Fíxose ás costas do sector, non se negociou con ninguén", explica a Nós Diario o seu voceiro, Lois Lopes. Considera que o aprobado “é un insulto” para o sector e razoa que “medidas estrela do decreto como a rebaixa dos alugueiros para grandes propietarios aquí non serven”. Para Lopes "cando falan de locais comerciais igual é para que Zara teña rebaixas nos que ten".

En relación á moratoria do créditos ICO, sinala que "teñen que facelos porque os impagos serían grandes" aínda que o resultado será "máis endebedamento". Critica que "a un mes de vencer os ERTE, aínda non falan da súa ampliación e aínda están vinculados á negociación cos axentes sociais, non deberían ser moeda de cambio".

As medidas que pedía a hostalaría galega

As medidas aprobadas polo Goberno español non tiveron en conta as medidas que solicitaba o sector da hostalaría na Galiza. Non se contemplan, entre outras, a paralización de taxas e impostos en todos os abastecementos de enerxía; impoñer un tipo de IVE reducido de 4% para as actividades de hostalaría e turismo; a concreción na ampliación dos períodos de carencia da devolución dos créditos ICO; ou estender como mínimo até xuño de 2021 e con carácter inmediato a aplicación dos ERTE, revisábel segundo evolucionara a pandemia. Tampouco se contempla ningunha medida extraordinaria para o ocio nocturno, o máis afectado.

Comentarios