A Xunta estuda recorrer o novo imposto estatal de solidariedade ás fortunas de máis de tres millóns de euros

O tributo ás grandes fortunas pretende compensar a suba a 50% de bonificación do imposto do patrimonio anunciada por Alfonso Rueda.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, anunciou esta segunda feira que o Executivo presidido por Alfonso Rueda estuda recorrer o novo imposto de solidariedade impulsado polo Goberno español para gravar as grandes fortunas de máis de tres millóns de euros.

Desta maneira, a Xunta confirma a súa oposición frontal á decisión de aplicar un imposto estatal que compense o incremento da bonificación ao imposto do patrimonio que varias Administracións, entre elas a galega, acordaron nos últimos meses.

Xa adiantara o pasado mes de setembro o presidente galego que a Xunta non aceptaría o tributo de solidariedade impulsado polo Executivo estatal, escusándose nunha presunta invasión de competencias en materia fiscal. Esta segunda feira Corgos deu un paso máis e acusou o Goberno español de “atentar contra o principio constitucional de seguridade xurídica”.

Na súa intervención, o titular galego de Facenda xustificou a bonificación ás rendas máis altas do país alegando que Executivo galego pretende evitar a “deslocalización” e “coidar aqueles que crean emprego e riqueza en vez de pórlles impedimentos”.

50% de bonificación

O pasado mes de setembro, Rueda anunciou que a Xunta ampliará a bonificación ao imposto de patrimonio, que pasará de 25% a 50% nos orzamentos de 2023. "Tomaremos decisións en materia fiscal", dixo, sobre unhas contas centradas, avanzou, en "protexer a actividade empresarial e as persoas".

"Temos a nosa propia senda marcada e tomamos as nosas decisións conforme ao que lles conveña aos galegos", asegurou. Os recortes tributarios na Galiza, tal e como informou Nós Diario, impiden que as arcas públicas recaden nove millóns de euros máis por semana.

Nesa mesma semana, o presidente galego tamén informou da deflactación dos tres primeiros tramos do IRPF —até os 35.000 euros— con carácter retroactivo ao 1 de xaneiro deste ano. En concreto, afecta as tarifas do IRPF en 4,1%, unha porcentaxe equivalente á suba salarial media. Isto significa que se axustarán a ese 4,1 % os límites do salto dun tramo a outro, evitando que o pagamento da renda absorba o aumento dos salarios para adaptalos á inflación.

O xefe do Executivo galego afirmou que o aforro para os contribuíntes desta decisión  fiscal será de 46 millóns de euros. Por volta dun millón de persoas con rendas medias e baixas acolleríanse á deflactación, co cal cada persoa beneficiaria obtería unha rebaixa fiscal de 46 euros anuais.

Comentarios