Rueda anuncia unha rebaixa fiscal de 46 euros anuais a rendas baixas e medias

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu onte no Parlamento tendo claro cal era o seu anuncio principal para a sesión na que ía dar conta das liñas mestras dos orzamentos da Xunta para 2023: a deflactación dos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF. Unha medida, dixo, que permitirá a galegos e galegas aforrar 46 millóns de euros no marco do que o mandatario cualifica como "senda fiscal propia". O BNG e o PSdeG cuestionaron as contas botadas polo presidente, advertiron que na proposta fiscal da Xunta quen máis se beneficia son "os ricos" e situaron en Génova [sede do PP estatal] o lugar onde se decide a política da Xunta en impostos.

rueda ana luis

O presidente da Xunta anunciou que deflactará os tres primeiros tramos do IRPF —até os 35.000 euros— con carácter retroactivo ao 1 de xaneiro deste ano. En concreto, vanse deflactar as tarifas do IRPF en 4,1%, unha porcentaxe equivalente á suba salarial media. Isto significa que se axustarán a ese 4,1 % os límites do salto dun tramo a outro, evitando que o pagamento da renda absorba o aumento dos salarios para adaptalos á inflación.

O xefe do Executivo galego afirmou que o aforro para os contribuíntes desta decisión  fiscal será de 46 millóns de euros. Por volta dun millón de persoas beneficiaríase da deflactación. Este anuncio, e a confirmación de que se reducirá o primeiro tramo do IRPF de 9,4 a 9%, foron dous dos realizados polo presidente na súa comparecencia, canda outros como a equiparación das familias con dous fillos coas rebaixas fiscais a familias numerosas; ou que os orzamentos traerán máis investimentos en economía e política social.

Botar contas

Os anuncios non convenceron a oposición. Ana Pontón (BNG) sinalou que a rebaixa no primeiro tramo do IRPF [até 12.500 euros de ingresos anuais] anunciada polo presidente suporá un aforro para unha familia con eses ingresos de "50 euros anuais". Cantidade que a portavoz nacionalista contrapuxo ao que aforrarán as 7.700 fortunas na Galiza coa bonificación no imposto de patrimonio que Alfonso Rueda anunciou a semana pasada: "4.415 euros de aforro para cada rico".

O BNG e o PSdeG reprochan ao presidente que a baixada "aos ricos" sexa de 4.400 euros

Non foi esta a única referencia ao imposto de patrimonio que se produciu no debate de onte. "Vostede bonifica ese 0,02% de persoas na Galiza que non teñen problemas en chegar a fin de mes", recriminoulle Luís Álvarez, portavoz do PSdeG na Cámara, ao titular da Xunta. O que suporá deixar de ingresar 34 millóns de euros, cifrou, cantidade que podería ir a "contratar médicos ou docentes, ou a repoñer a tarxeta básica para familias vulnerábeis que vostede eliminou en plena crise".

Pontón cualificou de "pelotazo fiscal" a decisión da Xunta do imposto de patrimonio e aseverou que "baixar impostos aos máis ricos vai contra Galiza, é atacar o benestar dos galegos e galegas".

O portavoz do PP, Pedro Pui, saíu ao paso das acusacións para defender a eliminación progresiva do imposto de patrimonio, entre outras cuestións, porque este tributo "afecta o emprendemento" e propicia que "os ricos marchen" a outras comunidades.

Seguir a senda do PP

Rueda situou na Galiza  a cuadratura do círculo ao afirmar que aquí "é posíbel ter menos impostos e máis benestar", grazas a unha "senda fiscal propia". Tampouco BNG e PSdeG acreditaron nesa afirmación. O anuncio da deflactación, como a de bonificar o imposto do patrimonio, chega días despois de que o actual presidente do PP español e ex titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, declarase esas medidas como "necesarias" e instase o Executivo estatal a adoptalas. "As decisións en política fiscal, no que se pode decidir desde a Galiza, decídense no PP de Génova", criticou Ana Pontón. "É incapaz de ter unha axenda fiscal propia", reprochoulle Luís González. Rueda, pola súa parte, defendeu que estes orzamentos "históricos" —cun teito de gasto de 12.600 millóns de euros— servirán para que cada galego e galega "saiba que ten o seu Goberno ao lado". A seguir, recoñeceu que a Xunta deixou de ingresar 1.200 millóns de euros desde 2009 polas rebaixas fiscais. 

Comentarios