A fortuna media de quen paga o imposto de patrimonio é de 6 millóns

O imposto sobre o patrimonio é un tributo pensado para gravar as grandes fortunas. Malia o carácter estatal do mesmo, a súa xestión corresponde a cada un dos Gobernos autonómicos, que son quen determinan a contía final. A fortuna media das galegas e galegos que o pagan é de 6 millóns.
O empresario Amancio Ortega, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press).
photo_camera O empresario Amancio Ortega nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press).

A ofensiva do Partido Popular contra o imposto sobre o patrimonio situou este tributo no centro do debate político. A orixe desta figura impositiva está ligada á creación do Estado do benestar no continente europeo, sendo moitos os países que manteñen tipos fiscais semellantes. 

Neste sentido, contan con tributos análogos Francia, Italia, Países Baixos ou Noruega. Precisamente, o primeiro Executivo en derrogar este imposto foi o de Augusto Pinochet en Chile, exemplo de modelo económico para o neoliberalismo.

A historia deste tributo é contraditoria no Estado español. A súa creación, moi tardía en relación co resto dos países da contorna, remóntase á reforma tributaria de 1977, que estabelece o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), sendo derrogado, de facto, o 1 de xaneiro de 2008 polo Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero. 

Porén, o cambio na conxuntura económica e o comezo dun ciclo regresivo ligado á crise financeira e inmobiliaria obrigou o Executivo socialista a restaurar o tributo en 2011, prorrogándoo posteriormente o Gabinete popular de Mariano Raxoi. Precisamente, esta quinta feira o Goberno de coalición entre PSOE e Unidas Pomos anunciou a posta en marcha dun imposto temporal e especial para as grandes fortunas, na liña do pactado con Bruxelas.

A quen afecta?

O imposto sobre o patrimonio está considerado o tributo por excelencia para gravar a riqueza. Afecta ás persoas contribuíntes con bens por un valor superior a 700.000 euros, excluíndo a vivenda habitual até 300.000 euros, aínda que nalgúns territorios estas cifras mudan lixeiramente. Neste sentido, grava o patrimonio neto das persoas físicas, isto é, o conxunto de bens e dereitos de contido económico dos que o contribuínte é titular, con dedución das cargas e gravames que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais polas que deba responder.

A xestión do tributo corresponde aos Gobernos autonómicos, agás nos territorios forais, tendo estes a capacidade de modificalo en maior ou menor medida para reducir a contía a pagar. Así, por exemplo, Madrid bonifícao na súa totalidade desde 2012, seguindo este ano a mesma senda Andalucía, tras adoptaren o Partido Popular e Vox un acordo nesa dirección. 

Na mesma orientación, a Xunta acaba de acordar bonificar este imposto até 50%, unha medida que favorece as 7.646 galegas e galegos máis ricos, que deixarán de ingresar nas arcas públicas do país 34 millóns. 

Ao tempo, outros 838 residentes na Galiza que cumpren cos requisitos para declarar patrimonio non están obrigados a pagar cota ao ser beneficiados das bonificacións aprobadas con anterioridade a 2022 polo Goberno galego.

O suxeito pasivo do imposto sobre o patrimonio presenta diferencias en función dos diversos territorios. O patrimonio medio de 189.636 cidadáns do Estado obrigados a declarar este tributo sitúase en 3,51 millóns, acollendo Catalunya, con 80.150 contribuíntes, o maior número de persoas que cotizan por este concepto. Porén, os máis ricos que tributan no total estatal por este imposto residen en Madrid, sinalando a Axencia Tributaria que a súa fortuna media se sitúa en 10,3 millóns, case tres veces máis que no conxunto do Estado.

Os segundos máis ricos 

A fortuna media de 7.646 galegos obrigados a tributar polo Imposto sobre o patrimonio é de seis millóns, practicamente o dobre da media estatal. As millonarias e millonarios galegos ocupan o segundo lugar en canto a riqueza entre os contribuíntes por este gravame no Estado, colocándose a continuación os residentes nas Illes Balears, cun patrimonio de 3,9 millóns. 

Nos postos de cola sitúanse 14.515 contribuíntes aragoneses cunha fortuna media de 1,88 millóns e 1.243 contribuíntes estremeños cun patrimonio de conxunto de 2,04 millóns de euros.

Imposto da Solidariedade

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, anunciou a creación dun tributo denominado Imposto da Solidariedade das Grandes Fortunas. A figura impositiva, cuxo nome e orientación está calcado da lexislación tributaria francesa, gravará todos aqueles contribuíntes cun patrimonio superior a tres millóns de euros, incrementando os tipos en función da fortuna e afectando a madrileños e andaluces. 

Comentarios