A Xunta convértese no segundo maior accionista de Reganosa

Eleva a súa prensenza no accionariado ao 24,3% após pagar 9 millóns de euros por accións que pertencían a Fenosa.

reganosa

A Xunta é o segundo maior accionista de Reganosa despois de pagar 8,9 millóns de euros por unha parte das accións de Gasifica, entidade na que están asociados os grupos enerxéticos Gas Natural Fenosa e Unión Fenosa Gas. A Xunta pasará agora a ter o 24,3% das accións da empresa de transporte e regasificación con planta en Mugardos, só superada por Gadisa, cun 28,6%. A terceira é Forestal Atlántica, cun 22,5%. Tanto esta como Gadisa son parte do Grupo Tojeiro, que deste xeito pasa ter o 51,13% no conxunto de accionistas. Até o de agora contaba co 36%.

O Grupo Tojeiro incrementa a súa presenza na empresa de transporte e regasificación: do 36 ao 51%

Nun comunicado, a Consellería de Economía destaca sobre a operación que o Goberno galego "mantén a súa aposta por este proxecto industrial estratéxico", que supuxo, segundo as súas cifras, un investimento en infraestruturas enerxéticas de máis de 1.000 millóns de euros. "O obxectivo é blindar unha industria estratéxica, con importantes investimentos a medio prazo, e que está chamada a converterse no 'hub' --punto de intercambio ou centro de distribución de tráfico mercadoría-- do GNL --gas natural licuado-- do norte peninsular", resalta Economía, Emprego e Industria.

Comentarios