A Xunta avala 790 MW eólicas de Enel e Greenalia en áreas protexidas

O Consello da Xunta acordou na súa reunión desta quinta feira informar favorabelmente a oito proxectos eólicos promovidos por Enel, antiga Endesa, e Greenalia fóra das áreas de desenvolvemento eólico delimitadas polo Goberno galego. Os referidos parques, que suman máis de 790 megawatts, foran anteriormente rexeitados pola Xunta por incumprir as condicións do Plan Sectorial Eólico. A última palabra tena agora o Executivo estatal, a quen lle corresponde tramitar e autorizar as instalacións.

Reunión do Consello da Xunta desta quinta feira. (Foto: David Cabezón)
photo_camera Reunión do Consello da Xunta desta quinta feira. (Foto: David Cabezón)

Enel, a multinacional propiedade do Executivo italiano e Greenalia, a eléctrica coruñesa onde traballa a antiga conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, foron as grandes gañadoras do Consello da Xunta celebrado esta quinta feira. A primeira veu como 611 megawatts promovidos nas comarcas do Eume, Ortegal e Trasancos recibiron o aval da Goberno galego, malia ser informados desfavorabelmente por este organismo en 2021.

Enel

Caaveiro, Tesouro, Barqueiro, Badulaque, Santuario e Moeche son os cinco parques impulsados por Enel  fóra das áreas de desenvolvemento eólica que conseguiron o visto bo da administración galega. Os mesmos mereceron o rexeitamento de boa parte das corporacións dos concellos afectados, entre os que se atopan As Pontes, As Somozas, Cabanas, Cedeira, Cerdido, Moeche, Neda, Valdoviño ou San Sadurniño.

O alcalde deste último municipio, Secundino García Casal, sinalou a Nós Diario que soubo da decisión “do Goberno galego por unha chama do director xeral de Enerxía”. Neste sen tido considera, que “a posición da Xunta é unha tomadura de pelo por avalar agora uns proxectos que fai tan só uns meses informou desfavorabelmente, chegando mesmo o PP, nalgúns concellos como San Sadurniño a votar en contra deles”. García Casal denuncia que “o Partido Popular introduciu unha emenda na Lei de áreas empresariais para permitir estes novos usos, deixando claro que non goberna para os veciños e que a hora da verdade só defende os intereses das grandes empresas eléctricas”.

As razóns empregadas pola Xunta da Galiza, en xullo de 2021, para non avalar estes proxectos referíanse a que “non se poderán implantar parques fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galiza, a excepción de proxectos cunha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, nin nos espazos da Rede Natura”.

Os mesmos argumentos foron empregados nese mesmo ano para informar desfavorabelmente contra os parques eólicos de Levante, situado nos concellos Triacastela, As Nogais, Becerreá, Baralla, Baleira e Pol, e Boura, localizado nos municipios de Abadín e Pastoriza.

Greenalia

Greenalia é a empresa promotora dos parques de Levante e Boura, cunha potencia eólica total de 179,2 megawatts. A compañía veu como no Consello da Xunta do pasado 3 de novembro, o Goberno galego avalou outros tres proxectos eólicos da súa titularidade, neste caso Borrasca, Monzón e Ventisca, emprazados na comarca da Mariña e da Corda e tamén localizados fóra das áreas de desenvolvemento eólico.

Comentarios