Xulio Fernández, membro de Ulloa Viva e do SLG: “Proxectos como o de Altri xeran despoboamento”

Xulio Fernández partilla a súa pertenza á Plataforma Ulloa Viva coa súa labor como responsábel do Sindicato Labrego Galego (SLG) na comarca de Arzúa. Nesta conversa, debulla o impacto do proxecto de Altri na actividade agraria das comarcas de Arzúa, A Ulloa, Deza e Melide

Xulio
photo_camera Xulio Fernández, membro de Ulloa Viva do SLG. (Foto: Nós Diario)

-As comarcas contiguas ao emprazamento previsto para celulosa de Altri destacan pola súa alta produción láctea de calidade e por un sector transformador ligado á denominación de orixe Arzúa-Ulloa moi importante, que impacto pode ter neste conglomerado a pasteira de Palas?

A denominación de orixe Arzúa-Ulloa é a segunda do Estado en producións de queixos, só por detrás dos manchegos o que dá a medida da súa importancia. A maiores, trátase dunha marca que está asociada á calidade e a unha alimentación dos animais baseada nos pastos, que se poden ver moi afectados pola falta de auga provocadas polos consumos que anuncia Altri.

A maioría das granxas están en extensivo pola calidade de materia prima que require o produto, sendo moitas as explotacións de leite nas comarcas do Deza, de Melide e Ulloa, sendo ademais, algunhas delas, referencias a seguir en toda a Galiza

-A gandaría ligada a produción cárnica é outro importante sector de actividade na comarca, neste caso cales son os principais riscos asociados ao proxecto da celulosa de Palas de Rei?

A zona conta con moitas explotacións en extensivo ligadas á produción de carne de calidade, que mesmo fan parte da marca Tenreira Galega, en base aos vértices conformados polas comarcas da Ulloa, do Deza, do que é un bo exemplo Agolada e de Melide, con Santiso como unha mostra clara.

Unha factoría como esta xera o risco de empeorar as calidades do produto, como resultados das emisións que xeran estas industrias contaminantes, que van impactar nos pastos e nos acuíferos. Ademais, hai outros proxectos ligados á produción en ecolóxico, que no caso de emprazarse aquí a celulosa van buscar outra localización. Se non hai xente non vai haber explotacións e proxectos como o de Altri xeran despoboamento porque a diferenza da gandaría estas iniciativas non ligan persoas ao territorio.

-O proxecto impulsado por Greenalia e Altri vai asociado a grandes consumos de eucalipto e un aumento desta produción nas proximidades da fábrica, até que punto isto vai provocar un aumento da presión sobre a terra?

As necesidades de materia prima de Altri son moi elevadas até o punto de que a empresa vai requirir 60.000 hectáreas de eucalipto nun radio de 50 quilómetros co obxectivo de abaratar os custos de loxística. Isto vai provocar un incremento das plantacións de eucalipto e un desprazamento das zonas de pasto e de cultivo e a súa ocupación por plantacións de baixo valor engadido.

Galiza xa é a comunidade do todo Estado como menor superficie agraria útil (SAU) e a súa vez o Estado está a cola de Europa, co risco de que unha parte das terras ocupadas polas explotacións pasen a estar ocupadas polo eucalipto, o que vai representar un aumento da presión sobre a terra. Isto é aínda máis problemático nunhas comarcas onde unha parte importante das explotacións son en extensivo.

Unha diminución da superficie agraria útil vai incrementar os custos de produción das explotacións, xa que estes descenden canto maior é a base territorial. Nesta liña, como se está vendo nos últimos anos, aquelas granxas con maior base territorial son as que mellor resisten diante dunha suba dos prezos.

-Falaba dos impactos do proxecto na gandaría, que consecuencias pode ter a celulosa noutras producións agrarias?

Moitas, pero só para pór un exemplo, dicir que o mel producido a tres quilómetros da celulosa, non poderá ser certificado en ecolóxico coa marca Mel da Galiza.   

Comentarios