As xubiladas de Endesa recuperarán a tarifa eléctrica de empregada

O laudo arbitral permítelles recuperar o beneficio que perderan coa extinción de último convenio colectivo.
Manuel Pimentel exerceu de árbitro no conflito laboral de Endesa (arquivo).
photo_camera Manuel Pimentel exerceu de árbitro no conflito laboral de Endesa (arquivo).

O persoal pasivo de Endesa recuperará os beneficios sociais vinculados ao extinto convenio colectivo e, polo tanto, volverán desfrutar da tarifa eléctrica con que contan as integrantes do cadro de persoal. Así figura no laudo arbitral ditado polo ex ministro de Traballo con Goberno de Aznar, Manuel Pimentel, que exerceu como árbitro nas negociacións do convenio colectivo da firma enerxética após 26 meses de negociación sen acordos.

Con esta medida, as xubiladas da compañía recuperarán un consumo bonificado pola empresa de até 9.000 kilovatios hora (Kwh) distribuído en dous tramos, 6.000 KWh compensados a 100% e 3.000 KWh adicionais recoñecidos a 50% do prezo estabelecido para a retribución en especie. O laudo deixa sen efecto o ditame da Audiencia Nacional que dera a razón á compañía no conflito cos sindicatos e considerara que, unha vez extinguido o convenio colectivo sen acordo, os beneficios sociais do persoal xubilado de Endesa (non así o persoal en activo), vencellados ao convenio colectivo, quedaban extinguidos. Desde a compañía destacan que a resolución do laudo arbitral "é moi positivo para todas as partes, xa que permitirá firmar en breve o convenio colectivo".

Saídas voluntarias

Un aspecto que afecta en gran medida ás traballadoras da térmica de Endesa nas Pontes é que o novo convenio, que terá unha duración de seis anos, de 2018 a 2023, mantén o acordo de garantías, o que significa que, en pleno proceso de transformación da compañía, non haberá despedimentos por motivos organizativos. Ademais, recolle a xubilación obrigatoria unha vez cumpridos os requisitos para a xubilación ordinaria, e un plan de saídas voluntarias para o persoal con máis de 50 anos que teña a lo menos 25 anos cotizados.

Comentarios