O xenro de Villar Mir, a ponte entre o PP e Pemex

Javier Madrid, xenro do empresario Juan Miguel Villar Mir, presidente de Ferroatlántica, tiña en Emilio Lozoya un aliado en México, e tamén un presunto 'conseguidor' de cartos para o PP. 
EL EMPRESARIO JAVIER LÓPEZ MADRID COMPARECE EN LA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN SOBRE LA PRESUNTA FINANCIACIÓN ILEGAL DEL PP EN EL CONGRESO

EL EMPRESARIO JAVIER LÓPEZ MADRID COMPARECE EN LA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN SOBRE LA PRESUNTA FINANCIACIÓN ILEGAL DEL PP EN EL CONGRESO

  (Foto de ARCHIVO)

24/4/2018
photo_camera Javier López Madrid (Europa Press)

A detención de Emilio Lozoya, ex director xeral de Pe-mex, está a poñer moitos nomes baixo a lupa das administracións que investigan a presunta trama corrupta que encabezaba o directivo mexicano. Ao do presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixoo, a quen as autoridades mexicanas vinculan coas pescudas pola compra do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras por parte de Pemex, súmanse outros como o de Javier López Madrid, director de Ferroatlántica, xenro de Juan Miguel Villar Mir e peza chave da rede de financiamento irregular do PP.

López Madrid, conselleiro delegado do Grupo Villar Mir, que controla entre outras as participacións do empresario Juan Miguel Villar Mir en firmas como Fertiberia, Ferroatlántica ou a construtora OHL, estaba chamado a ser o sucesor natural do fundador á fronte do emporio. Porén, as súas imputacións en tramas como a Púnica, a Lezo ou a das 'tarxetas black' de Bankia, pola que foi condenado, frearon en seco a súa progresión. 

Pero iso non lle impediu ao empresario sacar tallada da súa posición e dos seus contac-tos ao máis alto nivel. El era o 'compi yogui' ao que se refería a raíña Letizia nunha mensaxe privada de apoio após unha das súas imputacións e tamén membro do padroado da Fundación Princesa de Asturias, até que os monarcas españois decidiron romper o contacto con el.

Quen non o perdeu foi Emilio Lozoya. O ex director xeral de Pemex, considerado xunto co ex presidente mexicano, Enrique Peña Nieto, un dos "chicos de oro del PRI", ocupaba un posto no consello da construtora OHL antes de dar o salto á petroleira mexicana, e tamén noutras sociedades. De feito, segundo destaca a prensa do país azteca, pouco tempo despois da súa de-signación, a empresa española, sen experiencia previa no sector enerxético, faríase con tres contratos millonarios por parte de Pemex, unha operación que desde México atribúen á "intima amizade" de Loyola con Javier López Madrid.

Os pagos de Infoglobal

De feito, os supostos subornos de OHL a políticos para conseguir concesións son obxecto de investigacións por parte das autoridades de ambos países. Nesas pescudas, emerxen outras operacións de dubidosa legalidade, como a transferencia de 1,1 millóns de dólares desde unha das contas investigadas polos subornos de Odebrecht, caso polo que o ex directivo mexicano foi detido o pasado mes de febreiro e posto a disposición da Audiencia Nacional, a Infoglobal, unha sociedade na que tamén desenvolvía a súa actividade López Madrid e na que Lozoya estivo de conselleiro en 2011 e 2012. Os indicios apuntan a que eses cartos remataron nas contas da matriz de OHL  en España, sumida entón nunha delicada situación económica.Esta operación é só a punta dun iceberg que, segundo sospeitan as autoridades mexicanas, podería elevar até 3,4 millóns de euros  as transferencias procedentes de OHL en México que posteriormente foron em-pregados para comprar políticos no Estado español, e que se sumarían aos 1,4 millóns de euros que presuntamente pagara a construtora dirixida por López Madrid ao PP de Madrid pola adxudicación dunha obra ferroviaria. Este movemento motivou a detención do empresario en 2017 ante os indicios de pago de comisións ao entón presidente dos populares madrileño, Ignacio González, que despois eran empregadas polo partido para financiar  as  campañas  electorais da formación presidida por Mariano Raxoi.

Pero as transferencias non son só nunha dirección. Antes de ser detido, Lozoya negara ter sido subornado. Con todo, a orde ditada polo xuíz mexicano na que pide a detención do ex director xeral da petroleira estatal sinala entre os seus argumentos o feito de que Lozoya tivera aceptado supostamente 10 millóns de dólares a cambio de outorgar contratos á empresa brasileira Odebrech. O ex director xeral de Pemex agarda agora nunha prisión madrileña a que a Audiencia Nacional se pronuncie sobre a solicitude formal de extradición a México por supostos delitos relacionados con operacións con recursos de procedencia ilícita, que no ordenamento xurídico español se corresponde co bran-queo de capitais.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios