Villar Mir pacta a venda das hidroeléctricas por 153 millóns de euros

O “acordo definitivo”, en definición do grupo empresarial, fica pendente de cuestións como as relativas á aprobación da Xunta.

Concentración de Ferroatlántica en Cee
photo_camera Concentración en Cee en defensa de Ferroatlántica

As centrais hidroeléctricas de Villar Mir nos ríos Xallas e Grande venderanse por 255 millóns de euros. Ferroglobe, resultante da fusión de Ferroatlántica coa estadounidense Globe, informou que atinxiu un “acordo definitivo” para se desfacer das hidroeléctricas por esa cifra. Dela, o grupo recibirá 153 millóns, unha vez descontados gastos financeiros. O acordo confirmouno a empresa cun feito relevante remitido ás autoridades bursátiles de Londres e Nova Iorque, e así o recollen medios como la Opinión ou Economía Digital. Na documentación a empresa non desvela o nome do comprador, mais a prensa económica especila co fondo canadiano Brookfields. A venda, para se materializar, está supeditado a certas cuestións. Unha delas, en palabras da empresa, é a das “aprobacións gubernamentais”. O que sitúa a pelota no tellado da Xunta, que até agora prometeu aos traballadores de Ferroatlántica (uns 400), que de se dar ese escenario non a ía autorizar. O goberno galego dixo que defendería, igual que o executivo fixo a comezos dos 90, a indivisibilidade do negocio: hidráulicas e ferroaleacións.

Os traballadores de Ferroatlántica levan meses con mobilizacións, desde feches no concello até concentracións ou marchas a pé, para denunciar as intencións de Villlar Mir de vender as centrais. Agora xa non só son intencións e hai un pacto de venda cun comprador. Desde o comité de empresa sinalaran no seu día que, se a empresa daba o paso de formalizar a venda, avaliarían convocar unha greve.

O presidente do comité, Santiago Paz, afirmaba nunha entrevista en Sermos Galiza que de se vender as centrais, “a Costa da Morte vai pasalo mal”, augura, pois Ferroatlántica “é a única industria que ten, non hai máis, as outras hai tempo que fecharon ou marcharon”. Son 400 postos de traballo directos, para alén dos indirectos. E iso nunha comarca onde sectores tradicionalmente con peso, como a pesca ou agro, non atravesan os seus mellores anos.

Parlamento

O BNG anunciou que vai promover unha declaración institucional no vindeiro pleno do luns solicitando o apoio unánime da Cámara autonómica en contra desta venda que cualifica de “ilegal” e “un espolio descarado de recursos públicos”.

“Non é posíbel segregar a explotación hidroeléctrica da explotación industrial porque así está determinado nas condicións da concesión a Ferroatlántica e así foi referendado xudicialmente”, explicou a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas. 

Comentarios