Vigo insiste nunha planta de baterías após a oportunidade perdida de Mitsubishi

Vigo reclama unha fábrica de baterías para vehículos eléctricos dez anos despois de que o grupo xaponés Mitsubishi intentara sen éxito estabelecerse na Plisan.
O grupo Stellantis (antiga PSA) ensambla en Vigo as baterías dos modelos eléctricos que se fabrican nas plantas españolas (Foto: Stellantis).
photo_camera O grupo Stellantis (antiga PSA) ensambla en Vigo as baterías dos modelos eléctricos que se fabrican nas plantas españolas (Foto: Stellantis).

A factoría de Stellantis en Vigo conta na actualidade cunha planta de baterías que subministra ao resto de instalacións españolas do grupo para a fabricación dos seus modelos híbridos e eléctricos. Mais trátase dunha planta de ensamblaxe e a Galiza quere contar cunha de fabricación.

Co impulso dos fondos Next Generation, Galiza aspira a financiar a implantación dunha fábrica de baterías. As opcións cada vez son menores, xa que o Goberno español comprometeu apoios para as de Catalunya e Estramadura.

Esa factoría pola que agora compiten podería ter sido unha realidade hai xa máis de dez anos. En 2010, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, filtraba que o grupo xaponés Mitsubishi estaba a estudar a creación en Vigo dunha factoría de baterías eléctricas que, cun investimento aproximado de 500 millóns de euros, podería supor a creación de 2.500 postos de traballo nunha primeira fase e chegar até 4.000 nas posteriores. 

A planta proxectada na Galiza, con capacidade para producir 50.000 baterías de litio ao mes, estaría operativa en 2012 e dela sairían os compoñentes para, entre outros, os vehículos eléctricos do grupo xaponés e de PSA que compartían plataforma (Citroën C-Zero, Peugeot I-On e Mitsubishi I-Miev).

Un plan alterado

A filtración, que se produciu en maio de 2010, situaba Vigo como finalista nunha pugna cun emprazamento en Austria para acoller a factoría de baterías. 

En agosto dese mesmo ano, o entón presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, realizou unha viaxe ao Xapón, onde se entrevistou co presidente de honra de Mitsubishi, Mikio Sasaki

Todo parecía encamiñado para converter Galiza na sede da que sería a maior fábrica de baterías de toda Europa, mais os problemas legais co emprazamento elixido, a Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (Plisán) foron demorando a decisión final. 

Xunto a estes atrasos, un feito inesperado introduciría máis incertezas no proceso. O 11 de marzo de 2011, os terremotos e o posterior tsunami que asolaron o Xapón fixeron que as prioridades do grupo automobilístico mudaran, unha decisión na que tamén afectou a escasa penetración dos modelos eléctricos no mercado.

Após estes acontecementos non habería moitas máis declaracións oficiais. En xuño de 2011, o entón conselleiro de Economía, Javier Guerra, recoñecía que o tsunami "paralizara" a situación e que estaban á espera de novidades, se ben apuntaba que "tampouco hai novidades negativas nin descartes", e que a decisión de instalar a planta na área viguesa "está clara".

Galiza non renuncia á planta

Esta semana, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirmou que "Galiza non vai renunciar nunca a unha fábrica de baterías", mais apuntou que "para iso precísanse tres grandes actores principais: o Ceaga, un socio tecnolóxico que saiba facer baterías e a Xunta" que, insistiu,  "vai seguir creando a contorna adecuada" e traballando por esa fábrica de baterías "ou calquera outro proxecto que entre dentro dos intereses do sector".

Comentarios