Unha campaña reclama unha megaplanta de baterías para coches eléctricos na Galiza

A CIG convoca a terza feira unha concentración diante do Parlamento galego, onde solicitará xuntanzas cos diferentes grupos políticos, na procura de frear o esmorecemento do sector da automoción ante o "desleixo da Xunta".
Un modelo de coche eléctrico, cupra formentor híbrido. (Foto: Cupra)
photo_camera Un modelo de coche eléctrico, cupra formentor híbrido. (Foto: Cupra)

A CIG reactiva a campaña en defensa do sector galego do automóbil para reclamar a instalación dunha megaplanta de baterías para coches eléctricos na Galiza, unha vez que o Goberno estatal anunciou que o proxecto, promovido por un consorcio público-privado, irá para Barcelona.

A central sindical desenvolverá a terza feira unha concentración diante do Parlamento, en Compostela, ás 11 horas, onde fará entrega de solicitudes de xuntanzas cos distintos grupo políticos para tratar a perda de peso do país polo "desleixo da Xunta nunha industria da que dependen milleiros de empregos".

Desde a CIG lembran o anuncio do executivo estatal, o pasado 4 de marzo, da creación dunha megaplanta de baterías para automóbiles en Barcelona, que comprometeu o proxecto antes da propia convocatoria de axudas dos fondos europeos, anunciando que será un dos beneficiarios dos cartos públicos destinados ao plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O executivo central xa comprometeu o seu apoio ao proxecto doutra gran planta en Valencia

Ante as queixas dos diferentes administracións territoriais, o executivo central xa comprometeu o seu apoio ao proxecto doutra gran planta en Valencia. "Mentres, aquí en Galiza vemos como o gran valedor de Núñez Feixoo, o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, explota e destrúe o noso territorio, logrando máis megavatios de enerxía e enormes beneficios para afrontar grandes investimentos e proxectos industriais cos que favorecer o desenvolvemento económico noutros territorios, cando o noso país se desangra coa emigración e con peches de empresas", protestan desde a CIG.

Esta campaña que a CIG vén de reactivar púxose en marcha en 2019 para alertar da grave situación na que se atopa a industria galega do automóbil e achegar propostas de futuro, como a dunha transición galega xusta para o sector da automoción e dos carburantes.

O obxectivo era poñer enriba da mesa a ausencia de políticas para o sector que freen o seu esmorecemento progresivo, xa que as principais compañías optan por instalarse en solo portugués.

"De feito, desde o comezo da crise en 2008 ningunha empresa da automoción escolleu o noso territorio para novos proxectos, mentres que as que quedan afrontan reducións dos cadros de persoal, precarización das condicións laborais, ameazas de deslocalización, marcha de partes das súas producións as plantas doutros países ou feches", afirman.

Comentarios