As vendas de diésel caen en 2019 pero aumenta o consumo de combustíbeis

O descenso no consumo do diésel, o primeiro en seis anos, responde á crecente aposta nos híbridos e eléctricos.
O consumo de combustíbeis aumentou no último ano (Europa Press).
photo_camera O consumo de combustíbeis aumentou no último ano (Europa Press).

A crecente aposta por vehículos de baixas emisións, en concreto os de propulsión eléctrica e os híbridos, está a deixar de lado aos diésel, que no 2019 viron caer as matriculacións 25,9%, cunha cota de 27,9%, lonxe de 70% que representaban a comezos da década. 

Este cambio de tendencia viuse tamén reflectido no consumo de gasóleos de automoción, que en 2019 rexistrou un descenso de 0,4% respecto ao exercicio anterior, o que supón a primeira caída desde 2013, segundo os datos publicados onte pola Corporación de Reservas Estratéxicas de Produtos Petrolíferos (Cores). A tendencia pode ir a máis se se confirman as intencións do novo Goberno de Pedro Sánchez de equiparar os impostos do diésel aos da gasolina, o que encarecería o enchido do depósito para as persoas que teñan vehículos propulsados con diésel.

A pesar deste descenso, o diésel segue a ser o combustíbel máis consumido no Estado español, onde a venda de carburante creceu 0,6% en 2019, até os 28,83 millóns de toneladas, grazas ao incremento do consumo de gasolinas, que se disparou 5,6%, e suma xa cinco anos consecutivos de alzas. Ademais das gasolinas, en 2019, rexistraron variacións positivas os querosenos (+3,5%) e en menor medida os gasóleos (+0,1%), mentres que o GLP e os fuelóleos descenderon, cunha caída de 7,3% e 3,8%, respectivamente.

Comentarios