sábado 30.05.2020

No que vai de ano nun de cada tres concellos galegos constituíuse unha ou ningunha empresa

Entre xaneiro e outubro en 63 municipios non se creou ningunha empresa e noutros 54 constituíuse unha única sociedade.

Agrela
Agrela

En 2008, o número de empresas activas na Galiza foi de 181.341; no último exercicio dos dados fechados (2016), as empresas galegas sumaban un total de 176.434. Nese ano creáronse 4.571 sociedades mercantís e no exercicio seguinte, 2017, a cifra foi de 4.129, o que é case 450 menos. No que vai entre xaneiro e outubro do presente ano, ambos os dous meses inclusives, foron 3.401 as sociedades mercantías constituídas.

Mais o comportamento non é igual en todo o territorio. Segundo os dados do IGE, nestes 10 meses non se constituíu ningunha empresa en 63 municipios da Galiza e noutros 54 tan só se creou unha. Así pois, en 33% dos concellos galegos conformouse como moito unha sociedade mercantil.

En 2017 a recadación nas delegacións galegas da Axencia Tributaria descendeu a respecto de 2016; en concreto, pasou de 1.297,2 millóns a 1.230,2, é dicir, 67 millóns de euros menos. Se comparamos este imposto coa recadación do Imposto de Sociedades, caeu en 2017 en relación con 2016, e sumou 94 millóns menos que o tributado en 2008, antes de principiar a crise. Aquel ano recadouse polo Imposto de Sociedades 1.323,9 millóns.

Por volta de 70% das empresas en Galiza non teñen ningún traballador asalariado. Un 19% teñen entre 1 e 2 traballadores. As que teñen máis de 20 persoas asalariadas non chegan a 1,5%.

Traslado

No segundo trimestre de 2018 un total de 37 empresas de Galiza trasladaron o seu enderezo social a outras autonomías. As máis beneficiarias deste movemento foron Madrid —que domiciliou 32% das firmas— e Castela-León.

Nese mesmo período viñeron 33 empresas, catro menos. Nos últimos doce meses, segundo trimestre 2017-segundo trimestre 2018, foron 133 as empresas que saíron do noso país para outros territorios. Un período no que o camiño contrario, para se instalar aquí, fixérona 198, segundo os informes de Informa D&B.

comentarios