venres 30/10/20

Con Unicaja e Liberbank fóra de xogo, Abanca mira cara a Ibercaja e Kutxabank

O inicio da negociación formal entre Unicaja e Liberbank para a súa fusión deixa o escenario das fusións na banca mediana entre tres actores: Abanca, Ibercaja e Kutxabank. As unións son viábeis, pero ningunha quere perder o poder de decisión, o que as pode condenar a ser comidas por un terceiro actor.
Oficina de Abanca na Coruña (Foto: Xoán Roberes).
Oficina de Abanca na Coruña (Foto: Xoán Roberes).

Bankia e Caixabank abriron a segunda vaga do baile de fusións hai unhas semanas. Desde entón, e condicionados polos requirimentos de solvencia do Banco Central Europeo, as hipóteses sobre posíbeis fusións non deixan de producirse. 

Mais esas elucubracións vanse tornando en realidade. A banca mediana, como advertía Standard & Poor's no seu informe de 2018, ten que gañar volume e mellorar os seus balances se queren sobrevivir nun escenario de baixos tipos de interese. 

Nesta liña, Unicaja e Liberbank anunciaban a semana pasada que retomaban as conversas para fusionar os seus negocios. Agora esas conversas xa son algo máis, pois ambas as entidades veñen de contratar as asesorías que levarán o proceso de 'due dilligence' co que dá comezo formalmente a negociación para a súa fusión definitiva.

Con esta unión, Abanca gaña un rival máis forte, xa que o negocio conxunto de ambas as dúas supera os 108.826 millóns, o que a sitúa no quinto posto do ránking estatal, superando así a entidade presidida por Juan Carlos Escotet.

Intento co Sabadell

A idea do empresario venezolano é seguir medrando como até o de agora, pola vía das adquisicións. Liberbank era un dos seus obxectivos, xa que permitiría a Abanca consolidar a súa posición de dominio no norte peninsular, mais o propio Escotet xa negara en varias ocasións a posibilidade de volver intentar facerse co banco asturiano.

Segundo fontes coñecedoras do sector, Escotet explorou a vía do Sabadell, que no seu día integrou o Banco Gallego, mais topouse coa oposición de Josep Oliu a facerse co control dunha entidade moito maior que Abanca, con case catro veces maior volume de activos.

Propuxo iniciar un proceso de 'due dilligence' para analizar polo miúdo o negocio do Sabadell, unha manobra que estas mesmas fontes apuntan a que podería tratarse dun movemento para coñecer a situación e a estratexia dun rival directo. Oliu negouse a conceder a Escotet tal privilexio, cousa que no sucedeu co BBVA, que tamén anda detrás do banco catalán, un movemento que en Europa ven con mellores ollos que o de Abanca, xa que daría lugar a outro xigante financeiro.

A vía aragonesa

Fechada esta porta, Abanca ten aínda opcións para gañar músculo financeiro. A primeira delas é Ibercaja. A entidade aragonesa, cun tamaño similar ao do banco galego (as dúas rondan os 60.000 millóns de euros en activos), ten unha rede de oficinas que se complementa á perfección coa da entidade presidida por Escotet. A súa presenza é moi forte en Aragón (375 oficinas), Estremadura (92), Catalunya (88), A Rioxa (87) e País Valenciá (53), onde Abanca suma en conxunto pouco máis dunha vintena de sucursais. Xuntas conformarían uns activos de máis de 120.0000 millóns de euros e superarían a fusionada Unicaja-Liberbank como quinta entidade do Estado español.

Mais esa unión non está exenta de complicacións. Se Abanca compra é para manter a sede no país e o poder de decisión. Os xestores de Ibercaja pensan de igual maneira, mesmo recoñecen o seu interese por Abanca, aínda que para comprar, non para ser comprada. Ademais, como apuntan fontes do mercado, ningunha das dúas cotiza en bolsa (Liberbank era a vía de Abanca para cumprir unha vella aspiración), o que suporía un forte esforzo no futuro para dar o salto ao parqué.

Medrar en Euskadi

Abanca tampouco oculta o seu interese nun territorio como Euskadi. O banco galego vén de desenvolver alí o seu último consello de administración, após reunirse co Lehendakari. Fíxoo coincidindo co fechamento da operación de compra a Crédit Agricole de Bankoa, coa que suma 30 oficinas máis á súa rede, 27 delas en Euskadi. 

Alí está outra das posíbeis 'noivas' de Abanca. Trátase de Kutxabank, tamén cuns activos na contorna dos 60.000 millóns de euros) e unha rede de oficinas moi forte neste territorio, mais tamén en Catalunya, un dos obxectivos de Abanca para medrar.

Ao igual que acontece con Abanca, Kutxabank ten forza para seguir en solitario, xa que é ademais a entidade con maior capital de calidade do mercado español, o que tamén esperta o interese dos grandes bancos, entre eles o xa mencionado Sabadell, que podería ir a por ela. 

Esta mesma semana, o conselleiro de Economía do Goberno Vasco, Pedro Azpiazu, destacaba que Kutxabank conta "con solvencia suficiente para funcionar pola súa conta", tras sinalar que descoñece se este banco está a negociar ou non unha fusión con outras entidades.

comentarios