Abanca non perde o apetito comprador

A entidade renuncia á compra do luso EuroBic mais quere seguir medrando na península
O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet (Abanca / arquivo).
photo_camera O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet (Abanca / arquivo).

O pasado mes de febreiro, Abanca anunciaba a súa intención de facerse con 95% do banco portugués EuroBic, unha operación que permitiría á entidade galega chegar a todos os distritos de Portugal, onde xa conta con 71 sucursais após a compra en 2018 de Deutsche Bank PCB. Pero a entrada de Abanca no capital da entidade estaba condicionado a un proceso de due dilligence que se viu marcado pola crise da COVID-19 e que provocou un importante deterioro dos seus activos. Este deterioro condicionou a oferta final do banco presidido por Juan Carlos Escotet, que finalmente decidiu renunciar á compra de EuroBic, "a pesar de dedicar importantes esforzos e recursos á devandita transacción", ao non cumprirse as condicións pactadas no seu momento.

Segundo as contas da entidade do primeiro trimestre do ano, EuroBic viu reducido o seu beneficio en 66%, até os 4,5 millóns de euros, mentres que os depósitos minguaron en 640 millóns de euros respecto ao pasivo declarado ao feche do exercicio. Pero a fuga de depósitos e a caída do beneficio non son os únicos motivos que botaron por terra a nova adquisición. Eurobic leva meses sumido nunha crise reputacional que está detrás da perda da confianza de moitas clientas.

Escotet xa falaba en febreiro, cando anunciou a operación, de que a mesma fixérase de forma "acelerada pero prudente" polo interese das accionistas en vender "no mellor tempo posíbel".

Entre esas accionistas figura Isabel dos Santos, filla do ex presidente de Angola e acusada polo país africano de branqueo de capitais e malversación na súa etapa como presidenta da petroleira Sonangol, que controla 42,5% do capital da entidade.

Segundo medios portugueses,  a súa negativa a aceptar a oferta realizada por Abanca foi a que  provocou a renuncia do banco galego a seguir adiante coa operación. De feito Escotet xa advertira que non participaría no seu capital "de non haber un mínimo de 75% de control". 

Compra frustrada

Con esta mudanza de parecer Abanca perde a oportunidade de fechar a segunda operación corporativa en Portugal e sumar unha entidade con 182 oficinas repartidas por todo o país e preto de 1.500 traballadoras e traballadores. "É unha operación con todo o sentido estratéxico", dicía entón Escotet, xa que lle permitía chegar a distritos como Bragança, Guarda, Viana do Castelo e as illas Açores, nos que a entidade galega aínda non teña presenza coa sua rede actual.

 EuroBic, segundo os datos correspondentes ao feche do exercicio 2019, conta cuns 266.700 clientes, un volume de negocio de 11.699 millóns de euros, un volume de crédito de 5.198 millóns de euros e 6.148 millóns de euros en depósitos. 

Interese en Portugal

Mais o fracaso da operación non acaba co apetito comprador de Abanca, que xa adiantou que seguirá analizando operacións de compra que acheguen sinerxías ao seu proxecto en Portugal.

De feito, a entidade defende nun comunicado que neste país conta cun proxecto "sólido e en crecemento, con presenza nas principais cidades e centros económicos que lle permitiu situarse como a primeira entidade financeira en advisory banking".

Portugal parece ser agora o obxectivo prioritario de Abanca para crecer, mais o sector bancario español tamén contempla movementos de concentración para cumprir cos requirimentos de Bruxelas. 

Neste senso, o banco galego non queda fóra das cábalas sobre posíbeis operacións corporativas. En varias ocasións Escotet, de orixe asturiano, intentou facerse con Liberbank. A operación nunca chegou a bo porto pola falta de interese da entidade con sede en Oviedo en procesos de integración. "Os esforzos nesa dirección están esgotados", afirmaba o pasado mes de xullo, desbotando así a posibilidade de materializar esta operación  nun futuro "inmediato".

Pero agora a COVID-19 deixa un panorama moi distinto no sector, cos bancos cotizados entre as empresas que máis perdas acumulan en bolsa no ano. Abanca, pola contra, non se viu afectada polo impacto da crise nos mercados ao non ser unha compañía cotizada, mais si Liberbank. Con todo, desde a entidade insisten en que "non hai présa" e que analizarán alternativas "complementarias" e "rendíbeis". 

Comentarios