A UE atrasa dous anos a obriga das empresas estranxeiras a presentar informes de sostibilidade

O acordo dará máis tempo ás empresas para adaptarse aos Estándares Europeos de Información de Sostibilidade (ESRS).
Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, e Roberta Metsola, presidenta da Eurocámara (Foto: EC /DPA).
photo_camera Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, e Roberta Metsola, presidenta da Eurocámara. (Foto: EC /DPA).

En pleno debate sobre a incidencia dos tratados de libre comercio con outras áreas comerciais, sobre as cláusulas espello (reciprocidade nas normativas de comercialización dos produtos) ou sobre a necesidade de protexer a industria comunitaria, o Consello Europeo e a Eurocámara acordaron esta quinta feira atrasar dous anos a aplicación da lexislación que obrigará a presentar informes de sostibilidade a determinados sectores e empresas de terceiros Estados para facilitar a súa adaptación aos novos estándares que exixirá a Unión Europea (UE) ás compañías estranxeiras.

O acordo, que debe ser formalmente adoptado por ambas as institucións, dará máis tempo ás empresas para adaptarse aos Estándares Europeos de Información de Sostibilidade (ESRS) sectoriais e aos estándares específicos para grandes empresas non pertencentes á UE, que se adoptarán en xuño de 2026, dous anos despois da data inicialmente prevista, que era en xuño deste mesmo ano.

A lexislación da UE exixirá que as empresas que cotizan en bolsa divulguen información sobre os riscos e as oportunidades que xorden de cuestións sociais e ambientais para axudar ás investidoras, á sociedade civil, ás usuarias e ás outras partes interesadas a avaliar a sostibilidade  ecosocial das súas actividades.

A este primeiro paso deberán seguilas as normativas sectoriais para pequenas e medianas empresas, así como para compañías de terceiros Estados cun volume de negocios de 150 millóns de euros na UE e que teñan polo menos unha filial ou sucursal na área comunitaria.

Reclamación á OMC

Precisamente esta quinta feira, a Eurocámara reclamou un paquete integral de reformas da Organización Mundial do Comercio (OMC) antes da próxima conferencia ministerial bienal que decorrerá do 26 ao 29 de febreiro en Abu Dabi. Ademais, o Parlamento Europeo solicitou que esta cimeira sirva para restaurar "un sistema de solución de disputas en pleno funcionamento o máis rápido posíbel".

Comentarios