A Unión Europea instaurá a nova política de aranceis a terceiros Estados

A primeira fase do axuste en fronteira limitarase a recompilar datos.
Terminal de carga de contedores do porto de Vigo (Foto: Porto de Vigo).
photo_camera Terminal de carga de contedores do porto de Vigo (Foto: Porto de Vigo).

A Unión Europea (UE) aplicará desde este domingo o Mecanismo de Axuste en Fronteira de Carbono (CBAM), que inclúe aranceis ás importacións de cemento, ferro e aceiro, aluminio, fertilizantes, electricidade e hidróxeno para evitar a fuga de carbono e igualar o prezo de produtos comunitarios e importacións, na súa fase de transición.

Deste modo, a UE busca que as súas políticas climáticas non se vexan socavadas pola produción de Estados con estándares ecolóxicos menos ambiciosos ou pola substitución de produtos comunitarios por importacións máis intensivas en carbono.

Na súa fase transitoria, o novo mecanismo arancelario fronte ás emisións de carbono tan só se aplicará sobre as importacións de cemento, ferro e aceiro, aluminio, fertilizantes, electricidade e hidróxeno.

Os importadores destes bens na UE terán que informar sobre o volume das emisións de gases de efecto invernadoiro xerado durante a produción, mais sen pagar aínda o axuste financeiro.

A pesar de que se solicita aos importadores que recompilen datos para o cuarto trimestre de 2023, o seu primeiro informe deberá presentarse antes do 31 de xaneiro do próximo ano.

Ademais, incorporáronse unha serie de flexibilidades no mecanismo para o primeiro ano de aplicación, como o uso de valores por defecto para a notificación de emisións incorporadas e a posibilidade de utilizar as normas de seguimento, notificación e verificación do Estado de produción.

Período de aprendizaxe

A fase de transición servirá como período de aprendizaxe para todas as partes interesadas e permitirá á Comisión Europea recompilar información útil sobre as emisións incorporadas para perfeccionar a metodoloxía para o período definitivo, no que se implantarán os aranceis e que comezará a partir de 2026.

Comentarios