sábado 24/10/20
O apoio público reforza as diverxencias territoriais no Estado español

Tributan en Madrid 4.359 empresas galegas

O desenvolvemento económico madrileño é consecuencia do espolio do resto do Estado. As chaves do seu crecemento están favorecidas por un deseño político que privilexia as vantaxes derivadas do seu estatus como capital. Un recente informe elaborado polo Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) volve confirmalo.

empresas, galiza, estado, madrid, tributar
Alcoa, que ten actividade en San Cibrao (Cervo), non paga impostos na Galiza. (Foto: Europa Press)

O Laboratorio de Análise de Políticas Públicas do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) é un dos máis prestixiosos centros de estudos económicos europeos. Os seus traballos son referencias inescusábeis nos ámbitos académicos, empresariais e sociais, sempre atentos ás achegas deste grupo de investigación dirixido polos profesores Francisco Pérez e Ernest Reig. Madrid, capitalidade, economía do coñecemento e competencia fiscal é a súa última contribución, onde analizan as claves do modelo económico madrileño, as razóns dos seus éxitos como consecuencia do efecto sede e o seu impacto negativo no desenvolvemento do resto das áreas do Estado español.

A situación de Madrid non se explica sen os beneficios da capitalidade. Neste sentido, a investigación do IVIE debrúzase no seu papel como núcleo de comunicacións terrestres, aéreas e por camiños de ferro grazas ao deseño radial do Estado desde o século XVIII, nos efectos da concentración das institucións públicas, na súa capacidade para subtraer capital das áreas próximas, nos beneficios dos contratos públicos e na súa función, na opinión dos autores, como “paraíso fiscal”.

Así as cousas, non é de estrañar que o presidente do Goberno valenciano, o socialista Ximo Puig, chegase a cualificar nas Cortes do País Valencià a Madrid como “unha aspiradora que xera desigualdades en España”.

O efecto sede

Segundo se sinala no documento, teñen a súa sede en Madrid 44,5% das 1.000 maiores empresas do Estado, 50,4% das 500 máis grandes e 60% das 100 primeiras. Pola contra só manteñen o enderezo social na Galiza 5,3% das 1.000 maiores empresas do Estado, 5% das 500 máis grandes e 4% das 100 primeiras.

A consecuencia disto Madrid concentra unha quinta parte da renda estatal, dispondo de 19,2% do Produto Interior Bruto (PIB) en 1,6% do territorio. Porén, isto só é posíbel pola localización a efectos fiscais e sociais en Madrid de miles de empresas que desenvolven a súa actividade económica real noutras áreas do Estado.

4.359 empresas con actividade na Galiza teñen a súa sede en Madrid. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística para 2018, 3.608 desenvolven a súa actividade no sector servizos, 363 na industria e na enerxía, 353 na construción e 35 na agricultura e na pesca.

Ao tempo, en 2019 abandonaron Galiza con destino á capital do Estado outras 129 sociedades, nun movemento que se ten acentuado nas últimas décadas. Os efectos desta situación son evidentes, cun importante impacto fiscal para o país e unha distorsión da súas potencialidades reais en detrimento de Madrid.

Se queres continuar coa lectura desta nova, da que che fornecemos un estrato, podes atopala no xornal Nós Diario que está hoxe nos quiosques. Tamén terás acceso a ela, para a súa lectura en formato dixital, a través da nosa loxa. Se desexas estar ao día de todas estas informacións de interese social e económico para o país garante que chegarás a tempo picando nesta ligazón.

comentarios