A transformación de alimentos na Galiza ten un peso 16 puntos menor que na UE

A estratexia do Clúster Alimentario da Galiza para o período 2021-2025 pasa en gran parte polo crecemento da transformación de alimentos, que aporta un Valor Engadido Bruto (VEB) anual de 39%, até 16 puntos menor que o da media da Unión Europea (UE).
Varias vacas entran no interior da corte da granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Varias vacas entran no interior da corte da granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O Clúster Alimentario da Galiza indicou, no ano 2021, que o Sector Alimentario da Galiza (SAG), globalmente, xerou un VEB anual "duns 4.070 millóns de euros, 7,2% do Produto Interior Bruto (PIB), e 103.000 postos de traballo, 9,2% do emprego total" da economía galega.

Porén, explica no Plan Estratéxico do Clúster Alimentario da Galiza para o período 2021-2025, este emprego está "centrado na produción agraria e pesqueira, mais cun desenvolvemento limitado da industria de transformación alimentaria”.

Así, sinala, "a industria (de transformación) achega apenas 39% do VEB e 32% do emprego ao sector alimentario, cifras afastadas da media UE-28 (incluído o Reino Unido), onde o VEB da industria supera 55% do sector”.

Uns datos que certifican que o SAG ten unha gran potencialidade de desenvolvemento a través do incremento na transformación das materias primas para facer unha maior achega ao conxunto da economía do país.

Cambios nos patróns de consumo alimentario

As previsións existentes sobre a evolución do consumo alimentario na UE apuntan “o incremento dos produtos preparados e de consumo fóra do fogar”, explica o plan do Clúster. Unha mostra máis de que a evolución favorábel da economía galega depende en gran parte da capacidade que teña o SAG para incrementar o VEB da industria da transformación dos alimentos.

Esta evolución do consumo tamén apunta a crecente importancia de factores de escolla dos produtos polas súas características con respecto “á nutrición e á saúde, ao pracer e á ética”, unha tipoloxía de produción que “en moitos casos permite obter marxes de beneficio notabelmente superiores” á convencional e na que “operan en menor medida as economías de escala, polo que o grao de concentración empresarial e as barreiras de entrada son menores, abrindo así perspectivas para as pequenas empresas”, explica o informe do sector.

O mercado actual abre a porta, polo tanto, ao estabelecemento de pequenas empresas de transformación de alimentos con alto valor engadido, dando a oportunidade a unha economía como a galega de xerar novos empregos de calidade. 

As sociedades agrarias de transformación na Galiza

A investigadora da Universidade de Santiago de Compostela Maite Cancelo e o investigador da Universidade de Vigo Alberto Vaquero salientan no Informe Economía Social na Galiza a importancia das sociedades agrarias de transformación (SAT), que se configuran como "sociedades civís cunha finalidade económico-social en relación á produción, transformación e comercialización de produtos agrícolas, gandeiros ou forestais", con capacidade para aumentar o valor engadido no sector alimentario e de democratizar o reparto de beneficios. 

Así mesmo, explican, constitúen unha oportunidade para termos unha "contorna que garanta un maior aproveitamento dos recursos locais". Unha cuestión que adquire máis importancia, afirman, unha maior importancia "cando o peso económico e social do sector primario é elevado, como ocorre na Galiza".

Porén, indican, a información sobre as SAT "é moi escasa, posto que fundamentalmente redúcese ao Informe Anual de SAT do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación", un feito que as relega, afirman, á súa "limitación estatística". 

A Galiza ocupa a oitava posición do Estado no número de persoas que participan dunha SAT, con 10.304, segundo os datos do Informe Anual de Sociedades Agrarias de Transformación do Ministerio de Agricultura, Gandaría e Pesca de 2021, cunha importancia relativa no ámbito do Estado español de 3,4%, lonxe do País Valencià (24,1%) e Andalucía (21,1%). 

No que respecta ao capital social das SAT, a Galiza tamén ocupa a oitava posición, por debaixo da importancia en comparación ao peso relativo do sector primario no país, cun total de 60,6 millóns de euros. Desta forma, o capital social ten menor relevancia do que en Andalucía (194,3 millóns de euros), Estremadura (180,9), Catalunya (141,8), Castela-A Mancha (103,4), País Valencià (100,1), Murcia (68,7) e Castela e León (64).

Comentarios