Inditex, Tous, Mango ou Naturgy, entre as case 30 empresas do Estado español aínda presentes en Israel

A balanza comercial entre España e Israel deixa un superávit de máis de 1.000 millóns nas arcas españolas.
Unha tenda de Zara, principal marca do grupo Inditex. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unha tenda de Zara, principal marca do grupo Inditex. (Foto: Nós Diario)

Inditex, Tous, CAF ou Naturgy son algunhas das case 30 empresas con sede no Estado español presentes en Israel. En concreto, segundo un estudo de Informa D&B, son 28 as empresas do Estado con presenza en territorio israelí, das que dependen até 32 filiais.

Xunto a Inditex, que fechou de forma temporal as súas 84 tendas franquiadas en Israel a principios do pasado mes de outubro por mor da escalada do conflito entre o país de Medio Oriente e o pobo palestino, figuran outras empresas como Tous, Mango, Naturgy ou CAF. Esta última compañía, fabricante de trens con sede en Beasain (Gipuzkoa, Euskadi), ten actualmente dous grandes proxectos en Israel.

Segundo consta nos rexistros do Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX) e as estatísticas do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, o saldo comercial resultante de comparar as importancións e as exportacións con Israel durante o pasado ano 2023 é favorábel para o Estado español, cun superávit de máis de 1.000 millóns de euros.

En concreto, as 1.418 empresas españolas venderon bens ao país de Oriente Medio por valor de 2.169 millóns de euros, fronte aos 1.052,3 millóns de importacións, co que o saldo resultante é de máis de 1.000 millóns a favor da balanza española. Destes datos despréndese que as exportacións españolas aumentaron case 50% desde 2018, con 20% entre 2021 e 2022.

De acordo con cifras do ICEX, os principais produtos vendidos a Israel polo Estado español son vehículos de turismo (25%), pavimentos e revestimentos cerámicos (10%), pezas téxtiles (10%) e aparellos e material eléctrico (5%).

O ICEX precisa que a información sobre as empresas españolas no exterior é revisada, actualizada e completada de forma continua polas Oficinas Económicas e Comerciais das Embaixadas de España no exterior.

Comentarios