Suba da inflación

O prezo dos alimentos incrementouse na Galiza en máis de 60% en 20 anos

O prezo dos alimentos incrementouse no que vai de ano na Galiza en 5,9%. Neste sentido, rexistran unha alza no último ano de 9,4%, cifra moi por riba das retribucións salariais. Así, os custos dos produtos alimentarios de primeira necesidade  teñen aumentado nos últimos 20 anos até 62%.

frioitas
photo_camera O prezo da froita fresca chegouse a duplicar nos últimos 20 anos. (Foto:Europa Press)

A inflación cébase coa cesta da compra. O prezo dos alimentos e as bebidas non alcohólicas disparouse en abril, último mes con datos, en 9,4% en comparación co mesmo mes de 2021. Neste sentido, trátase do incremento máis elevado de toda a serie histórica desde que hai rexistro no Instituto Nacional de Estatística (INE). Mesmo a súa alza foi superior á do propio Índice de Prezos do Consumo (IPC), que ficou en 9,1%.

Os maiores incrementos

Unha mostra do encarecemento da compra é que 12 dos 20 produtos que máis subiron de prezo en abril foron alimentos ou bebidas. Significáronse polo seu incremento o aceite de oliva, cun aumento de 42,5%; a pasta, cunha suba de 25%; as fariñas e outros cereais, cuxo prezo encareceuse 23,2%; os ovos, cunha suba de 21,6%; as salsas e outros condimentos, que encareceron 15,2%; outros produtos de panadaría, 14,5% máis caros, o leite enteiro e desnatado, cunha suba de 14%; a manteiga, cuxo prezo aumentou 12,8%, e os legumes e hortalizas, con 12,8% de incremento.

O custo doutros alimentos medrou, tamén, por riba da inflación. Así, marcou un incremento de prezo de 12,7% a carne de ave, de 12,6% as froitas en conserva, de 12,1% os alimentos de bebés, de 11,6% as marmeladas e o mel, de 11,4% a carne de vacún, de 10,9% os iogures, de 10,7% a carne de ovino, de 10,7% o café, de 10,2% o arroz, de 10,1% o pan, de 9,7% o peixe fresco, de 9,6% outras carnes e de 9,5% a froita fresca.

Unha suba xeneralizada

O alcance da suba xeneralizada dos alimentos ten causado sorpresa en moitos economistas. Así, por exemplo, a Fundación das caixas de aforro, Funcas, vén de recoñecer que “se produciron importantes desviacións con respecto ao esperado nos alimentos”, destacando “outros aceites comestíbeis”, cunha suba de 96%. Pola súa parte, o economista da Universidade de Santiago de Compostela Bernardo Valdés sinala a Nós Diario que “hai unha vinculación entre a alza de prezos e o incremento dos custos de produción e neste momento estánselle repercutindo unha parte dos mesmos ao consumidor final”.

As cifras de 2022 veñen elevar uns prezos dos alimentos cuxa alza é sostida e continuada desde hai 20 anos. En todo este período só minguaron no exercicio de 2009, coincidindo co estoupido da crise económica que deu pé á 'Gran Recesión'.

Asemade, ao longo destas últimas décadas, o seu incremento situouse en 62%, conforme aos datos recollidos no seu histórico polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Neste sentido, non é un fenómeno exclusivo da Galiza, senón que responde a unha tendencia a nivel mundial que ten como punto de inflexión 2007, cando se comeza o consolidar o actual comportamento.

As patacas, 137% máis caras

As patacas son un dos produtos cunha suba máis elevada nestes 20 anos, até rexistrar un aumento nos seus prezos de 137%. Ao tempo, o prezo dos aceites, ovos e froitas frescas duplicouse, medrando o dos legumes e hortalizas en 93% e o do pan en 77%. O custo do peixe aumentou 66%, o da carne de ovino 60%, o da carne de polo en 45% e o do leite e derivados lácteos arredor de 40%. Neste sentido, o conxunto dos alimentos de orixe vexetal presenta uns custos moi volátiles, que flutúan de xeito acusado de exercicio en exercicio.

A dependencia exterior

O incremento do prezo dos alimentos está moi condicionado pola realidade económica internacional. Porén, ten un impacto maior naquelas nacións que son deficitarias na súa produción.

A este respecto, o economista Marcelino Fernández Mallo, sinala a Nós Diario que, mentres “o eucalipto ocupa arredor de 600.000.hectáreas de superficie -20% do territorio da Galiza-, dedícanse 114.900 hectáreas á suma de cereais en gran, leguminosas, tubérculos, oleaxinosas, hortalizas, froitas, viñedo, oliveiras e hortas familiares”.

Marcelino Fernández Mallo significa que “a Galiza dedica 1% da súa superficie a cereais en gran, España dedica a ese mesmo concepto 12%. En hortalizas, a comparación é similar: 0,1% da superficie dedicada na Galiza fronte a 0,5% de España; en froitas,  0,7% na Galiza fronte a 3% en España”.

A produción interna

A Galiza dedica a cultivos para o consumo humano 3,9% do seu territorio, mentres o Estado destina aos mesmos 25,5%. Segundo Marcelino Fernández Mallo, “a resposta dos distintos países ao incremento radical de prezo en moitos artigos dependerá da súa capacidade de produción interna”.

Comentarios