Foro de debate

Falando de terra e do futuro

Ana Corredoira, responsábel da granxa A Cernada, prosegue o foro de debate de 'Nós Diario' sobre soberanía alimentaria.
Agora máis que nunca, a acción local preséntase como alternativa e garantía para soportar o movemento e caos global. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera Agora máis que nunca, a acción local preséntase como alternativa e garantía para soportar o movemento e caos global. (Ilustración: Álex Rozados)

Semella, por momentos, que seguimos atrapadas nunha foto fixa, ríxida e inamovible do mundo rural, con personaxes presas nunha roda de pesimismo na que a loita e a reivindicación perden sentido e dan paso ao conformismo, á frustración. Poida que en gran medida, ese pesimismo, esa frustración, fosen e sexan claves na expulsión de xente do territorio.

Durante anos asistimos a unha constante anulación e expulsión de talento e capacidade do mundo rural. Pouco esforzo e traballo se dedicou a valorar aspectos como as características e produtividade da nosa terra, os criterios de sostibilidade (ambiental e tamén social) ou a procura de valor engadido. Pola contra, semellaba máis doado e rápido o modelo integrado e desligado da terra. De súpeto, as produtoras pasan a ser pezas intermediarias dunha cadea de crecemento constante que mira os xigantes do mercado con ambición. Toca asumir, se entras nesa roda, que viaxas nunha montaña rusa, que hai picos de máxima altitude pero que antes ou despois, toca descender e mesmo tocar fondo.

Temos moitas tarefas pendentes, nun contexto no que máis que nunca, a acción local se presenta como alternativa e garantía para soportar o movemento e caos global. Está en xogo algo tan importante como a nosa soberanía alimentaria, de que maneira queremos producir alimentos? Ou case mellor, cal debe ser o modelo de produción para o futuro, para un futuro no que non só se garanta a viabilidade económica, senón tamén a sostibilidade ambiental e a xustiza social.

E aquí entran en xogo varios discursos. Por unha banda, o discurso da abundancia, do acceso rápido e barato non só aos alimentos, senón a moitos outros bens de consumo. Un modelo de consumo que non admite ningún tipo de factura ambiental, e que se consolida sobre unha base inestable, débil, conformada por produtoras que asumen gran parte do custe que non paga a consumidora. Por outra banda, e como resulta lóxico, ese mesmo acceso rápido e barato aos bens de consumo parece a única alternativa nunha situación ou contexto delicado, dende o punto de vista social e económico. En definitiva, parece que o modelo de consumo global trata de ofrecer resposta sexa cal sexa a situación, a necesidade ou a demanda. E non importa o nivel de crecemento, porque unha das súas características, por definición, é que pretende un crecemento ilimitado.

Durante anos asistimos a unha constante anulación e expulsión de talento e capacidade do mundo rural

E comeza a entreverse o defecto de forma. Medrar ilimitadamente nun contexto de recursos naturais finitos, que ademais se ven gravemente afectados polas prácticas empregadas para dar esa resposta de crecemento a grande escala. Un modelo de crecemento que non ten en conta o territorio, que moitas veces mesmo se desacopla del, que non ten en conta as persoas, nin ás que producen, nin ás que consumen. Porque o verdadeiramente importante non é dar resposta ás demandas e necesidades dunhas ou doutras, senón medrar. Sexa cal sexa o custe social e ambiental. E que pasa cando unha peza da cadea rompe ou perturba o sistema? Comeza o efecto dominó, e o colapso.

A nosa forte dependencia do exterior, de territorios moi afastados, é un elemento de debilidade nunha cadea na que o reparto de valor tampouco existe. O primeiro elo, ocupado polas produtoras, é o que máis padece as consecuencias dos cambios impostos polo actual escenario de crise, marcado nun primeiro momento pola pandemia, e agora pola guerra. Pero que xa tradicionalmente tivo que enfrontarse a situacións cíclicas de dificultade para poder vender os nosos alimentos cubrindo os custes de produción. Con este modelo produtivo, e tamén un modelo de consumo, fortemente dependentes de materias primas exteriores, cómpre abrir un fondo debate. Queremos realmente como consumidoras fomentar, ou seguir promovendo este modelo de consumo?

Falamos, ou escoitamos falar dun territorio, o rural, abandonado, baleirado, cun potencial enorme en canto a riqueza e biodiversidade que podería transformarse en oportunidades, para o desenvolvemento persoal e profesional dos seus habitantes. Un territorio con capacidade para alimentarnos, coas premisas esencias de seguridade e calidade alimentaria. Parece lóxico, nesa situación de partida, un modelo de produción e consumo con criterios de temporalidade e a escala local, que permitan o empoderamento das produtoras, e polo tanto, a fixación de poboación e a consolidación dos seus proxectos. Lóxica para unha economía real, que alimenta, que coida do medio pero tamén das persoas, que enriquece no sentido máis amplo da palabra. E que significa futuro. Porque ademais, facendo uso de ferramentas actuais, de estratexias de desenvolvemento e emprendemento innovador, e tecendo redes e colaboración, é posible articular eses proxectos con garantías e piares sólidos.

Poida que sexa necesario comezar a procurar dende o territorio, e para o territorio, solucións ás nosas necesidades produtivas e de consumo, pero revisando necesariamente esas necesidades e entendendo que o futuro pasa por cambiar o noso estilo de vivir, habitar, producir e consumir.

Comentarios