Traballadores das ambulancias farán unha folga de 10 días polo convenio galego

As e os traballadores de ambulancias acordaron en asembleas convocar 10 xornadas de folga, do 25 de febreiro ao 5 de marzo, na defensa do convenio galego para o sector
Folga ambulancias
photo_camera Folga ambulancias

Os traballadores do transporte sanitario de Galiza acumulan xa 12 xornadas de folga, realizada de xeito intermitente ao longo destas semanas, na defensa do convenio colectivo. Mais veñen de decidir en asembleas unha modificación do calendario de protestas previsto, apostando por protagonizar unha folga continuada entre o 25 de febreiro e 5 de marzo, 10 xornadas continuadas.

Con esta medida, os traballadores das ambulancias queren atinxir un compromiso da patronal para manter a vixencia do actual convenio colectivo até finais de 2014, mentres se negocia o novo marco normativo. Desde a Consellería de Sanidadexa emprazouse aos representantes sindicais (CIG, CCOO e UGT) a unha xuntanza esta segunda feira.

Fontes sindicais sinalan que a oferta da patronal vai envolta nun ultimato aos e ás traballadoras: Ou aceptala ou ben pasarse a un convenio estatal, que implicaría unha redución do 25% a respeito das condicións do autonómico.

“Aplicar o convenio estatal significa entre 300 e 400 euros menos ao mes para cada traballador e a supresión doutras melloras sociais"

 Regresión

Dende a parte social, subliñou o responsábel do sector de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, a mediados de decembro, no inicio das mobilizacións, que o que se pretende é que a patronal asuma a vixencia do actual convenio até decembro de 2014, co obxectivo de negociar neste período o novo marco regulador, xa que a regresiva reforma laboral do PP limitou a ultraactividade a un ano. No caso do convenio galego (cuxo texto é do ano 2010) a vixencia rematará en xullo de 2013.

Os traballadores entenden que as intencións do empresariado pasan por deixar desaparecer o convenio galego e aplicar o estatal, cunhas condicións salariais e laborais moi inferiores. “Aplicar o convenio estatal significa entre 300 e 400 euros menos ao mes para cada traballador e a supresión doutras melloras sociais”. “O que estamos reclamando é que a mesa de negociación continúe, que se lle dea unha ultraactividade até o 31de decembro de 2014, de tal xeito que mentres se negocia un convenio novo o persoal teña a tranquilidade de que nestes dous anos non se lle van mudar as condicións de traballo”, informou.

Comentarios