Tesoirada de 140 millóns de euros ás políticas de emprego nunha Galiza con récord de paro

Os orzamentos europeos e estatais para políticas activas de emprego redúcense para Galiza nun 57%, entrementres o número de persoas desempregadas supera as 260.000
Obradoiro de soldadura na Forga
photo_camera Obradoiro de soldadura na Forga

Pouco máis de 106 millóns de euros para políticas laborais destinadas a 260.000 desempregad@s. Son 140 millóns de euros menos e 37.000 parad@s máis que hai un ano. A tesoirada en políticas de emprego en Galiza é máis que evidente.

Os sindicatos xa denunciaran no verán o que cualificaban como "brutal recorte" dun 57% que se estaba a producir nas políticas activas de emprego na Galiza, e instaban a Xunta a reaccionar e a exixir unha reordenación da repartición do orzamento dos fondos comunitarios e estatais para este eido.

Segundo os datos da Conferencia Sectorial, organismo que aproba a distribución de fondos ás comunidades autónomas e en que estas están representadas, a intención do Goberno central era diminuír o 56,92% o orzamento dedicado a estas políticas.

Entón acordouse distribuir case 1.320 millóns de euros entre todas as comunidades autónomas (agás Euskadi), dos cales se destinarán 966,5 a formación para o emprego (incluíndo as escolas obradoiro, casas de oficio, talleres de emprego e outros), 323,3 ao emprego e trinta millóns máis para a modernización dos servizos públicos de emprego.

No caso da Galiza, haberá algo máis de 106,5 millóns para as políticas activas de emprego, un 57% menos que en 2011. Isto, sen ter en conta as e os 200 orientador@s profesionais e promotor@s de emprego.

Consecuencias

A redución, no caso de se consolidar, provocará a desaparición de milleiros de empregos de alta cualificación —formadores profesionais, especialistas homologados para impartiren formación certificábel, expert@s, técnic@s, persoal de apoio—, así como a perda de moitos centros de formación, aulas e instalacións homologadas, ademáis da desaparición dos orientador@s e promotor@s de emprego que desenvolven o seu traballo no Servizo Galego de Colocación.

Comentarios