Mar

Comeza a tempada de extracción de polbo na Galiza e esténdese á Mariña a veda da centola

A cota máxima será de 55 quilos de polbo por embarcación e día, aos que se engaden outros 55 quilos por cada tripulante enrolado e a bordo.
polbo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os barcos poderán extraer polbo entre as 6 e as 16 horas. (Foto: Nós Diario)

A Consellaría do Mar vén de confirmar que esta segunda feira, a partir das 5 horas, comezou na Galiza a campaña de extracción de polbo que se desenvolverá até que se publique a data de veda do vindeiro ano. Segundo informa o departamento agora liderado por Alfonso Villares, a cota máxima será de 55 quilos por embarcación e día, aos que se engaden outros 55 quilos por cada tripulante enrolado e a bordo. A mesma restrición conta cun máximo de 350 quilos por barco e xornada de traballo.

No que atinxe ao horario de traballo das embarcacións, a Consellaría informou que será para o polbo ás 6 horas, malia que poden saír do porto ás 5h, e finalizará ás 16h. O número de nasas permitido fíxase en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados a bordo. Aliás, segundo o réxime de nasas, darase desde cabo Silleiro até cabo Corrubedo e os aparellos deberán levantarse e levar a porto todos os días, coas seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro até Con da Aguieira, aquelas que estean colocadas en fondos superiores a 20 metros poderán ficar no seu calado sen ser levadas a porto, mesmo durante o período de descanso semanal.

Nesta mesma liña, as restricións rexerán para a cara oeste da illa de Ons, que abarca desde o Con da Serriña até o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto e sen limitacións de profundidade. Na zona de Con da Aguieira até cabo Corrubedo, as nasas deberán levantarse e levar a porto todos os días.

A partir desa data e até o inicio da veda do ano 2024, as nasas poderán permanecer caladas mesmo durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego, as nasas poderán ficar no seu calado sen ser levadas a porto, mesmo durante o período de descanso semanal.

A Xunta lembrou que a actividade extractiva "será controlada a través do programa de seguimento e control levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas da Galiza en colaboración cos gardapesca das confrarías de pescadores e os servizos contratados para iso". Desde Mar resaltaron que están "a ultimar a modificación da orde pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros, co obxectivo de permitir unha marxe de tolerancia de 50 gramos de peso, en relación ao tamaño mínimo dun quilo, despois de realizada e rexistrada a pesada no momento do desembarque".

Veda da centola

Por outra parte, esta segunda feira comezará a veda para a extracción da centola nas augas da Mariña. Esta norma estará vixente desde as 00:00 horas de mañá luns até as 00 horas da segunda feira 27 de novembro. Esta restrición súmase á do resto do litoral galego, onde a veda da centola comezou o pasado 24 de xuño e prolongarase até o próximo 5 de novembro, inclusive.

"Estes períodos de veda significan que queda expresamente prohibida a captura desta especie para todas as embarcacións mediante calquera arte en augas da Galiza. De feito, as embarcacións dedicadas á captura de centola con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. A veda é unha das medidas que contribúen a aumentar a biomasa e regular a pesqueira da centola co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e favorecer unha explotación máis sostible de ambos os recursos", profundan desde a Consellaría.

Comentarios