Stellantis anuncia novos paros só tres días despois de retomar a actividade

As dúas liñas de produción da planta viguesa de Stellantis suman de media 30 días sen actividade por falta de compoñentes. O cadro de persoal volveu ao traballo esta semana coa esperanza de que a empresa aproveitase as vacacións para  facer stock. Porén, a firma anuncia que volverá parar toda a semana que vén.
Liña de montaxe na planta de Stellantis en Vigo (Foto: Grupo Stellantis).
photo_camera Liña de montaxe na planta de Stellantis en Vigo (Foto: Grupo Stellantis).

Os traballadores e traballadoras do Grupo Stellantis ─antiga PSA─ en Vigo retornaron na terza feira aos seus postos. Fixérono coa esperanza de que a empresa aproveitase estas semanas sen actividade para ir amoreando compoñentes e evitar así as paradas de produción. 

Nada máis lonxe da realidade. Tan só tres días despois de volver á fábrica, as traballadoras e traballadores da factoría viguesa coñeceron esta quinta feira a decisión da empresa de suspender a produción toda a semana que vén (de 23 a 29 de agosto) as dúas liñas de produción ─a que monta as furgonetas e a que se encarga do Peugeot 2008, o C-Elysée e o Peugeot 301─ por problemas de aprovisionamento de compoñentes.

Segundo trasladou a dirección ao cadro de persoal, a falta de semicondutores (microchips) mantense a nivel mundial. A situación segue sendo "crítica" e vese agravada tamén pola incidencia da Covid en países como Malasia, onde se fabrica unha unidade de control electrónica que levan os coches que montan en Vigo. 

O país asiático, que está a alcanzar cifras 'récord' de contaxios diarios de Covid, decretou un fechamento case total e ten severas restricións que afectan o transporte e a outros sectores.

Unha volta prematura

O anuncio de novos paros, que se volve facer con menos de cinco días de preaviso, colleu por sorpresa os traballadores. Desde a sección sindical da CUT sinalan a Nós Diario que esta parada "non ten moito sentido". "Tería sido mellor non arrancar e alongar as vacacións unha semana máis para reincorporarnos cunha actividade máis continuada". Con todo, admiten que non saben o que vai pasar o 30 de agosto, nin tampouco se a metade de semana a propia Stellantis decidirá activar algunha das liñas de produción. 

No que vai de ano, ambos os dous sistemas levan parados unha media de 30 días cada un, o que supón un mes de actividade.

A dirección de Stellantis Vigo informou de que a "célula de crise" do grupo e os equipos do propio centro vigués traballan para "minimizar o impacto" desta situación, e pediron "comprensión" e "colaboración".

Porén, a afección non é igual en todos os seus centros de produción. "A mesma parada e a mesma incidencia non a vai ter a de Madrid, que en principio só para na segunda e terza feiras. A de Zaragoza tamén para menos días. Ao final é unha decisión de grupo que poden estudar con tempo pero que non interesa", denuncian desde os sindicatos.

A empresa habilitou un número de teléfono para que o cadro de persoal poida ter información actualizada da situación da produción. Porén, os traballadores e traballadoras denuncian que este sistema non permite planificar con tempo, o que impide en moitos dos casos a conciliación da vida familiar e laboral, ademais de facer que se expoñan a sancións.

A nova dos paros prodúcese semanas despois de coñecer que Stellantis gañou no primeiro semestre do ano perto de 7.000 millóns de euros. 

Saídas voluntarias

Isto non impide que, por outra banda, a empresa estea a promover saídas de persoal do centro de produción vigués. 

De feito, a dirección do grupo alcanzou un acordo con  SIT-FSI e UXT (que representan a maioría do comité de empresa) sobre permisos de tránsito á xubilación anticipada, extincións e suspensións de contrato de até tres anos de duración, todos de carácter voluntario, para dar resposta a "necesidades organizativas" e "intereses" dos traballadores.

Para a CUT, "o que agocha esta medida é unha redución de persoal. Unha saída do centro de traballadores que, no canto de ir pola vía do expediente de regulación de extinción, van polas saídas voluntarias e o pacto individual de empresa e traballador"

Tamén se opuxeron ao documento CIG e CCOO. A CIG rexeitou o documento por basearse nun anteproxecto que aínda está en fase de tramitación e porque "a gran maioría" do persoal ─as principais beneficiarias son as persoas de 60 ou máis anos─ "queda excluída". 

"Marchan porque a nivel físico e psicolóxico non son quen de aguantar estas condicións. Aí os sindicatos e a dirección temos que mirar por que a xente con contratos indefinidos quere marchar desta planta", apuntan desde as centrais sindicais, que lembran que a empresa "terá sempre a última palabra".

CCOO decidiu non asinar un acordo que se valora "máis como unha necesidade empresarial que unha solicitude dos traballadores" e que "propiciará a perda de contratos indefinidos no persoal", que "deberían ser compensados no colectivo de horarios", defendeu o sindicato.

Comentarios