Stellantis volve avisar sen tempo suficiente dos novos paros en Balaídos

Stellantis volve avisar sen a antelación suficiente dos novos paros nas liñas de produción da planta viguesa de Balaídos.
As paradas programadas esta semana afectarán principalmente á liña 1, a que produce os turismos de Peugeot e Citroën.
photo_camera As paradas programadas esta semana afectarán principalmente á liña 1, a que produce os turismos de Peugeot e Citroën.

Os problemas na subministración de compoñentes electrónicos, a coñecida como crise dos 'microchips', fará parar novamente esta semana as dúas liñas de produción da fábrica de Stellantis (antiga PSA) en Vigo.

A dirección anunciou a pasada sexta feira ao persoal da factoría de Balaídos a parada do sistema 1 ─no que se montan os Peugeot 301 e 2008 e o Citroën C-Elysée─ esta segunda e terza feira. As quendas de día deste sistema incorporaranse mañá, e volverán parar a quinta, 24 de xuño, mentres que a quenda de noite parará tamén o día 23 e reincorporarase á actividade na quinta feira.

Pola súa banda, o sistema 2 ─o que monta as furgonetas─ traballará normalmente até a quenda de noite do día 23, que non terá actividade, así como as quendas de día do 24.

Algunhas destas paradas, como as do día 24, xa foran anunciadas hai unhas semanas, aínda que non se confirmaron até a pasada sexta feira. Con todo, o cadro de persoal volve recibir con "sorpresa" os novos paros no sistema 1. "Seguimos igual. Mentres outros paralizan a produción e organizan stocks antes de retomar a actividade, aquí esta planta vai a golpe de intereses", denuncian desde a CIG.

"O normal, lóxico e razoábel sería que tivésemos un calendario. Con todos os avances tecnolóxicos que hai e a súa loxística just in time, que impuxeron para minimizar custos, o que non podemos facer nós é pagar as peaxes. Terán que levar o control das pezas e, en función diso, organizar as paradas", apuntan desde o sindicato. 

Esta visión é compartida pola CUT, que entende que a empresa "está a xogar cos tempos" e actúa desta maneira para poder xustificar a causa de forza maior no ERTE que, como lembran, está denunciado polo seu sindicato e pola CIG. "Ao final é unha decisión de grupo. En función dos beneficios e o rendemento de cada vehículo en venda, deciden fabricar nunha zona ou outra, e supoñemos que estarán a xogar con iso".

Porén, denuncian que a cadencia na produción "non a reducen baixo ningún concepto". "O normal sería reducila. Reducir quendas creando unha bolsa de emprego e despois regularizando ou incrementando número de postos de traballo para aliviar a sobrecarga do persoal".

Polas auxiliares antes que pola propia Stellantis

Pero o que máis lles chama a atención aos sindicatos é que o calendario dos provedores "está a cravar as paradas". "Case tes coñecemento antes polas auxiliares e a prensa que pola principal", critican. De feito, xa están á espera de que Stellantis confirme novas paradas esta semana, xa que desde as auxiliares prevén que só se traballe os días 23, 28 e 29 deste mes.

O impacto desta crise pasa factura a todo o sector. Por iso, o persoal de Stellantis non entende a falla de previsión da empresa á hora de fixar as paradas. "É vergoñento que un grupo como este, que presume e quere dar exemplo aos demais de como facer as cousas, non se mire ao espello e sexa consciente da crispación que está a montar e a descoordinación social e familiar dos traballadores e traballadoras do sector no seu conxunto", lamentan os sindicatos.

Carta branca

O persoal de Stellantis en Vigo recoñece que a súa situación é diferente á dos traballadores e traballadoras doutros grupos do sector, "que están a xestionar mellor" esta crise.

No caso concreto dos preavisos, o persoal entende que, se no acordo que a empresa asinou con CCOO e UXT estivese recollida unha penalización pola que Stellantis tivese que asumir a totalidade da xornada, "seguramente medirían moito máis os tempos". Porén, "como non teñen penalización, dálles exactamente igual".

"Stellantis xoga con esa arbitrariedade ao seu antollo e ao final a flexibilidade e a penalización son para as persoas traballadoras á hora de organizar a súa vida e tamén nos seus salarios a final de mes", denuncian desde CIG e CUT, sindicatos que se desmarcaron do acordo do ERTE.

Comentarios