Alertan do "lastre" da obriga de facer a renda co Ingreso Mínimo Vital

As persoas que cobren o Ingreso Mínimo Vital (IMV) terán que realizar a declaración da renda, segundo denuncia o Sindicato Labrego Galego (SLG). Esta obriga burogrática prexudica a súa recuperación segundo denuncia esta organización agraria. 
Voluntario nun banco de alimentos (Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Voluntario nun banco de alimentos (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou hoxe o que consideran "unha nova agresión do Goberno español contra os colectivos máis vulnerábeis".

Nesta ocasión alertan de que ás persoas que cobran o Ingreso Mínimo Vital (IMV), "estáselles obrigando a presentar a Declaración da Renda, tanto aos homes e mulleres que perciben este subsidio como a todas as persoas que conviven con eles e elas, incluídas as menores de idade".

Segundo explica esta organización nun comunicado, con esta decisión "estáselles impoñendo unha nova obriga burocrática a un segmento de poboación dos máis vulnerábeis" cando noutros casos semellantes, como cando se cobra un subsidio de desemprego ou a renda de inclusión social de Galiza (Risga), "non teñen que facelo". 

Maltrato a unha parte da poboación

Para o SLG, esta obriga supón un "claro agravio comparativo", ademais dun "maltrato a unha parte da poboación que xa ten problemas abondo como para ter que encerellarse nesta nova lea burocrática". Sinalan que na maioría dos casos deberán "gastar en servizos dunha asesoría que lles cumprirían para outros usos máis perentorios".

Ademais, engaden que esta obriga "dá de cheo no colectivo das mulleres con menos recursos", que agora é maioría neste ámbito, polo que "abrirán aínda máis a fenda de desigualdade que as afasta do resto da sociedade".

Segundo esta organización, as persoas con dereito ao IMV que convivan con maiores con discapacidade sufrirán perdas que poden supoñer importes de 1.200 ou 2.400 euros anuais e, ademais, haberá persoas que se vexan na obriga de tributar cando non estaban obrigadas a presentar a Declaración da Renda.

Por último denuncian que tamén se castigará aos convivintes destas persoas que compartan gastos como o alugueiro.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios