luns 18/10/21

A reforma das pensións de Escrivá prexudica os sectores produtivos galegos

A suba dos coeficientes redutores carga as penalizacións da xubilación anticipada nos traballos máis exixentes
O ministro de Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá (Foto: J. Hellín / Pool/ Europa Press).

O ministro de Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá,  deu conta esta semana no Congreso dalgunhas das cuestións que se están a abordar na negociación do Pacto de Toledo para a reforma das pensións. Novamente, a suba nos coeficientes redutores para as persoas que decidan anticipar a súa xubilación centran un debate no que, como novidade, emerxen cifras concretas do incremento que manexa o Goberno español e tamén dos incentivos para aquelas persoas que opten por atrasar a súa retirada do mercado laboral máis aló da idade de xubilación.

O obxectivo destas medidas é achegar a idade efectiva á idade real de xubilación e aumentar así os períodos de cotización da clase traballadora

Porén, as penalizacións á xubilación anticipada non teñen en conta a realidade de moitos traballos que requiren maior esforzo físico e mental, como poden ser algúns dos vinculados cos principais sectores produtivos da Galiza, como a automoción, a pesca ou a metalurxia, mais tamén moitas das profesións feminizadas asociadas á saúde e ao coidado de persoas maiores.

Como sinala a Nós Diario o economista e sindicalista Xabier Pérez Davila, "son traballos onde é máis difícil aguantar até os 67 anos e que ademais teñen unhas bases de cotización máis baixas". "Se deciden adiantar a xubilación vanse ver máis penalizados do que están agora. Porén, maxistrados, médicos privados ou xefes de servizo serán os grandes beneficiados dos incentivos ao atraso da xubilación", indica. 

"Son profesións que teñen altos salarios e que cando se xubilan perden moito, porque a pensión máxima, aínda que boa, é máis baixa que eses salarios. Son traballos prestixiosos socialmente, que non desgastan e dan status. Se en vez de aos 67, deciden esperar até os 70, estarán cobrando un salario máis alto e, ademais, cando se xubilen, terán unha pensión máis alta que a pensión máxima", exemplifica Pérez Davila.  

Incidencia no emprego

Precisamente, un dos argumentos esgrimidos por Escrivá durante a súa comparecencia para xustificar estas medidas era que incentivan a permanencia no emprego e eliminan os elementos  regresivos que ten o sistema actual. Ademais, afirmou que hai unha ampla evidencia de que unha maior participación dos maiores "non dana, senón que aumenta as oportunidades de emprego da xente nova".

Neste senso, Pérez Dávila asegura que a situación do mercado laboral galego, marcado pola alta temporalidade e os contratos parciais, "non se vai solucionar coa reforma das pensións". Mais ben ao contrario, xa que, como argumenta, "se se atrasa a idade de xubilación van tardar máis en quedar libres postos de traballo, sobre todo os de mellores condicións", apunta o economista.

Precisamente, a situación actual da clase traballadora galega, sumada aos cambios que promove o Goberno español para acceder á xubilación, debuxan un escenario incerto para moitas persoas unha vez rematen a súa vida laboral. 

Neste senso, Pérez Davila lamenta que o debate se centre sobre a reforma dos parámetros das pensións pero que non exista un debate social sobre a promoción dos plans de empresa, que implica, na súa opinión, "iniciar a privatización do sistema de pensións", tal e como aconteceu no seu día coa educación coa introdución dos concertos e coa sanidade e as colaboracións público-privadas. 

Ao servizo de Bruxelas

A reforma das pensións, como indicou o propio Escrivá, está supeditada aos plans de Bruxelas para o Estado español, ao igual que acontece coa reforma fiscal na que traballa Facenda.

Ambas están vencelladas, precisamente na cuestión dos plans de pensións de empresas, xa que as exencións fiscais que ofrecen no Imposto de Sociedades permitirán mitigar a suba que prevé o Executivo estatal para este tributo

Como apunta Pérez Dávila, a reforma das pensións está "ao servizo da Comisión Europea e dos poderes financeiros". De feito, alerta de que "en dez ou quince anos" unha parte das pensións estará privatizada, "e iso vai crear unha fenda dentro das clases traballadoras".

A idea do Goberno español é que sexan os traballadores e as traballadoras as que, xunto coas empresas, contribúan ás súas pensións futuras, reducindo así a dependencia tan grande, como hai agora, do sistema público de pensións. 

Das medidas adiantadas o 13 de abril polo ministro Escrivá, o economista e sindicalista só salva a suba das pensións asociada ao IPC, unha "conquista" do movemento en defensa das pensións públicas

comentarios