O sistema eléctrico rexistra un superávit de 2.700 millóns

O saldo resultante da relación entre os ingresos derivados das peaxes e outras taxas que o Estado cobra polo emprego da rede eléctrica e os custos que teñen para a Administración estatal os pagamentos realizados ás empresas que transportan e distribúen electricidade foi positivo no primeiro semestre do ano. 
Torretas de alta tensión (Foto: Europa Press).
photo_camera Torretas de alta tensión (Foto: Europa Press).

O sistema eléctrico estatal rexistrou un superávit provisional de 2.194,7 millóns de euros en xuño, segundo os datos correspondentes á sexta liquidación facilitados esta cuarta feira -nun momento no que o prezo do megawatt hora superou os 130 euros en plena vaga de calor na Galiza- pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).

A cifra total de ingresos polas peaxes e outros cobros regulados foi de 9.801,8 millóns de euros en xuño, mentres que os custos que supón para a Administración estatal pagar ás empresas que transportan e distribúen electricidade ascenderon a 7.607,1 millóns de euros. 

Dado que os ingresos foron suficientes para cubrir os custos, o coeficiente de cobertura -a relación entre os custos que se poden pagar cos ingresos dispoñíbeis e os que se deberían pagar con cargo ás liquidacións provisionais- foi de 100%. Durante o mes de xuño deste ano, a demanda de consumo no sistema situouse nun total de 91.829 xigawatts hora (XWh).

A liquidación realizada en xuño acumúlase ás anteriores do exercicio 2023, sumando un total de 2.719,9 millóns de euros (antes de aplicar o Imposto sobre o Valor Engadido ou calquera imposto equivalente), desde o 1 de xaneiro até o 30 de xuño.

Do total acumulado, 2.693,8 millóns de euros son pagados con cargo ao sector eléctrico, mentres que 26,1 millóns de euros son con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado (OXE), que corresponden a 50% da retribución específica das instalacións sen territorios non peninsulares.

A CNMC indicou que en xuño non se produciron desaxustes temporais entre ingresos e custos do sistema eléctrico estatal, polo que a liquidación acumulada con cargo ao sector eléctrico vese afectada por un coeficiente de cobertura de 100% e a cantidade destinada a pagar na conta das entidades produtoras ascende a 489,9 millóns de euros.

Para o pagamento da parte correspondente ás instalacións situadas en territorios non peninsulares, á data do fechamento desta liquidación, recibíronse ingresos do Tesouro Público do Estado español que permiten abonar a totalidade desta partida, sendo a cantidade total para pagar de 4,5 millóns de euros.

Baixa a demanda de gas

A demanda de gas no Estado no ano 2023 facturada até o 30 de xuño ascendeu a 216 terawatts hora (TWh), unha cantidade 17,2% inferior á do mesmo período de 2022. Ademais, as exportacións de gas natural por gasoduto foron de 40 TWh, o gas transvasado desde as plantas de regasificación a buques foi de 22 TWh e o gas cargado en cisternas foi de sete TWh.

A luz segue por riba dos 130 euros por megawatt

O prezo medio da electricidade para a clientela de tarifa regulada vinculada ao mercado almacenista caerá esta quinta feira 1,5% con respecto a esta cuarta feira, até os 132,91 euros por megawatt hora (MWh). 

Porén, esta lixeira caída non levou o custo da luz a descender por baixo do limiar dos 130 euros por megawatt que foi superado na cuarta feira, cando o prezo alcanzou o seu nivel máis alto desde o 6 de marzo.

Comentarios