Agolada pecha biblioteca, casa da cultura e piscina

Sete concellos galegos volven presentar plans drásticos de axuste

Foran 179 municipios os que presentaran este documento, necesario para acollerse ao plan de proveedores, ao Ministerio de Facenda. Volven presentalo agora, ao final do segundo prazo, Coristanco, Frades e Dodro, A Lama, Ponteareas, Dozón e Agolada.

Os recortes en servizos e a incorporación, subida, ou adianto do cobro de taxas, marcan estes plans de axuste: o concello pontevedrés de Agolada, por exemplo, toma medidas drásticas, ao pechar a biblioteca, a Casa da Cultura, e unha das piscinas municipais, ademais de suprimir un emprego de socorrista e os do programa de axuda no fogar, e recortar máis gastos de persoal (elimina a dedicación exclusiva do concelleiro de Obras e suprime a praza de auxiliar administrativo “secretario de alcalde”).

O concello da Lama, pola súa banda, aprobou o plan (coa abstención do PSOE) polo que aforrará o 30% en iluminación pública. O alcalde confía en poder amortizar a débeda en cinco anos.

En Coristanco, co voto en contra do PSOE e a abstención de TeGa, o goberno local esfórzase nas medidas recadatorias (o plan anterior non fora aprobado porque o aforro neto non era abondo): sóbese o IBI a0,10 e 0,30 para os inmobles rústicos e urbanos, respectivamente, o imposto de circulación, o gravame sobre a construción e a taxa de recollida de lixos.

Tamén recortarán subvencións a eventos deportivos e culturais e o apoio a festas parroquiais, e delega na Xunta os custos do centro de saúde. Prevese así incrementar o aforro anual dos 250.000 euros, previstos no primeiro plan de axuste, a 430.000 euros.

O Concello de Frades sobe tamén as taxas: neste ano xa aumentou a do lixo e o IBI, e en diante farao coas de ocupación e de circulación. Os recortes faranse en persoal: reducirá os contratos do plan de cooperación financiados pola Xunta.

O Concello ourensán dos Blancos, cuxo alcalde propuxera un ERE e ao que o Ministerio denegara o plan que propuxo, non enviou ningún documento novo, afirmando que “non hai máis” onde recortar.

Comentarios