Continúan as negociacións no convenio da alimentación en plena folga indefinida

Unha cláusula de ultraactividade que evite a desaparición dos convenios colectivos sectoriais e un incremento salarial a respecto do acordo de hai catro anos son as demandas d@s traballador@s

photo_camera Piquete informativo nun pequeno establecemento [SG]

As negociacións para asinar o convenio colectivo no sector da alimentación en Pontevedra continúan "e parece que se vislumbra un posíbel acordo". Así o manifestou Diana Rodríguez, secretaria comarcal da CIG-Servizos na comarca, quen lembrou que foi xustamente o desleixo da patronal por renovar o convenio o que motivou a folga indefinida que arrincou esta segunda feira. 

Os puntos que para @s traballador@s non son negociábeis pasan por limitar o efecto da reforma laboral aprobada polo Goberno Rajoy, introducindo unha cláusula que evite a desaparición dos convenios colectivos sectoriais. Non renuncian tampouco a un incremento salarial "que entendemos que non pode ser tan alto como hai catro anos, mais ten que haber unha progresividade", explicou Rodríguez.

Así as cousas, centos de piquetes informativos percorreron desde a primeira hora da mañá as rúas de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, comprobando que a meirande parte dos establecementos non abriron as súas portas. En Poio impediron a saída de camións do almacén de Froiz. As principais cadeas de alimentación non abriron, agás aquelas con convenio propio como Mercadona, Eroski e Dia, e os grandes almacéns como Alcampo ou Carrefour. Son 15 mil @s traballador@s chamad@s á folga.

Tanto Diana Rodríguez como @s voceir@s de CC.OO, Jorge Carneiro, e UGT, Eva Rojas, coinciden ao salientar que as demandas d@s obreir@s "non son grandes cousas" senón que se reducen a "que o actual convenio non se vexa mermado" e un "pequeno" incremento salarial que evite a devandita cláusula de ultraactividade "que evite que decaia o convenio".

Comentarios