O sector gandeiro pide rematar co sacrificio de animais sans

Ourense acolleu na maña desta terza feira unha protesta contra o sacrificio obrigatorio de centos de animais sans no marco do programa da Xunta da Galiza de loita contra a tuberculose. A mobilización, convocada polo Sindicato Labrego Galego (SLG), demandaba unha mudanza nas políticas do Goberno galego na materia e axudas xustas para as explotacións afectadas.

ConcentraciónXuntaOurense_Baleirado1
photo_camera Concentración de labregas e labregos, en Ourense, na mañá da terza feira. (Foto:Nós Diario).

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, sinalou que “o obxectivo da concentración é o apoio á gandaría de Manzaneda (Terra de Trives), que despois de sacrificarlle 47 animais que non deron positivo en tuberculose aínda agarda por un contacto da Xunta da Galiza para explicarlle como ía ser o proceso e informarlle das posibilidades de axudas que tiña dentro deste programa”. Porén, o acontecido con esta explotación de Manzaneda non é un caso único, rexistrándose no último ano situacións semellantes nas comarcas do Barbanza, Sarria ou a Terra Chá, onde chegaron a sacrificar 400 animais dunha única granxa.

En declaracións a Nós Diario, Vilalba considera estas medidas “discriminatorias e desproporcionadas” e denuncia que “supoñen unha ruína para as persoas gandeiras que se poidan ver afectadas”. Neste sentido, explica que “se a explotación de Manzaneda non estivese na Galiza, onde está declarada a prevalencia cero en tuberculose, non se procedería a matar os animais, limitándose, no caso de identificar positivos nunha granxa, a repetir as probas aos 45 días e sacrificar exclusivamente aqueles animais que padecen a tuberculose”.

Sacrificio de reses

A secretaria xeral do SLG entende que “a declaración da Galiza en 2021 como zona libre de tuberculose ou de prevalencia cero permite á Xunta que as campañas de saneamento sexan de cada tres anos, pero implica que naquelas granxas cun só animal positivo sexan sacrificadas todas as reses”.

O coordinador de sectores gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, sinala a Nós Diario que se están notificando “un importante número de sacrificios como consecuencia dunha reacción á proba de tuberculose” en animais que “cando acoden ao matadoiro e son analizados a través dunha proba postmorten, estaban sans"."

Causa desconcerto e malestar nas gandarías afectadas que un animal, ou animais, chegue ao matadoiro e acabe por demostrarse que non estaba contaxiado", engade Somoza, que conclúe que “é moi doado sacrificar un animal desde un despacho, pero desde logo a un gandeiro ou gandeira suponlle perdas considerábeis".

Cambio de políticas

Elías Somoza e Isabel Vilalba coinciden en demandar á Xunta da Galiza un cambio de políticas nesta materia. Unha liña de acción que garanta a sanidade animal e non poña en risco a viabilidade das explotacións. Mentres o dirixente da Fruga pon de manifesto que “a defensa dos sectores agrogandeiros pasa por evitar sacrificios de animais sans”, a secretaria xeral do SLG aposta por “volver ao modelo tradicional de loita contra a tuberculose, un modelo que permitiu que Galiza pasara a ser zona libre desta doenz". Este sistema, lembra Isabel Vilalba, consistía en "sacrificar os animais enfermos e someter a revisións anuais as explotacións mediante campañas de saneamento".

Comentarios