Sánchez anuncia unha rebaixa do IVE do gas do 21% ao 5%

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou esta quinta feira a redución do IVE que se lle aplica ao gas do 21% actual ao 5%. Unha medida que será efectiva a partir do 1 de outubro.

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, no seu escano no Congreso, esta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Goberno español rebaixará o IVE do gas do 21% ao 5%, segundo anunciou esta quinta feira nunha entrevista concedida á Cadea Ser o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, que enmarcou a medida nas “rebaixas fiscais selectivas” que “van en beneficio da clase media traballadora”.

A baixada será efectiva a partir do 1 de outubro e, en principio, ao igual que outras medidas aplicadas para diminuír o impacto da crise, concluirá o 31 de decembro. Sánchez cualificou o contexto actual de “alta incerteza” derivada “da guerra”, se ben, a crise inflacionista comezara en 2021. O presidente español advertiu de que non se prevén restricións de enerxía este inverno.

Tamén se referiu na entrevista aos orzamentos do Estado para 2023. Preguntado polo medio, adiantou que haberá un incremento da partida dedicada ao gasto militar, que no último ano xa experimentou subas debido á compra de armamento para Ucraína.

Sánchez tratou de saír ao paso das críticas do incremento do gasto militar sinalando que non se trata só de gastar en armamento, “non só falamos de disuasión, senón de economía, emprego ou ciberseguridade”.

A respecto da saúde do Goberno, eloxiou o papel da coalición e asegurou que Yolada Díaz “está sendo leal coa liña argumental”. Ademais de citar a reforma laboral, que cualificou de “fito que quedará no legado deste Goberno de coalición”, tamén se referi ás relacións con Alxeria tras o achegamento a Marrocos.

Puxo de manifesto que “estamos traballando para que se poida reconducir” a relación con Alxeria.

Ademais, sobre o PP, apuntou que gostaría de que “arrimase o ombro” en “cuestións que son de sentido común como a rebaixa dos bonos de transportes”. “Como iso non ocorre, vémonos na obriga de pactar con outras forzas políticas”, engadiu.

Tamén cargou contra as relacións do PP coas empresas enerxéticas, “Feixoo é bastante dócil con aqueles intereses que o puxeron á fronte do PP”, dixo ao respecto.

Comentarios