Pode Alxeria cortar o subministro de gas ao Estado español?

A “paralización” das negociacións entre compañía estatal de gas natural en Alxeria, Sonatrach, e a empresa Naturgy, encargada de xestionar o gas no Estado español, poderían pór en risco ese envío.
Estación de gas natural de Cepsa en Alxeria. (Foto: Europa Press)
photo_camera Estación de gas natural de Cepsa en Alxeria. (Foto: Europa Press)

Desde que o pasado 18 de marzo a decisión do Goberno español de apoiar a proposta de Marrocos no Sáhara Occidental abrise unha crise diplomática con Alxeria, as relacións políticas entre ambos países víronse moi deterioradas.

Alxeria, que até xuño deste ano era o segundo provedor de gas natural do Estado español, só por detrás dos Estados Unidos, asegurou que respectaría as súas obrigas contractuais para o subministro de gas, aínda que nos últimos meses o país africano deu prioridade ás relacións comerciais co seu outro gran cliente, Italia.

Porén, a “paralización” das negociacións entre compañía estatal de gas natural en Alxeria, Sonatrach, e a empresa Naturgy, encargada de xestionar o gas no Estado español, podería pór en risco ese subministro. Segundo recollen esta cuarta feira varios medios españois, Alxeria estaría desgustada coa actitude negociadora de Naturgy, que segue sen dar unha resposta á proposta de revisión de prezos de Sonatrach.

Esta negociación, que comezou pouco antes de que o Goberno español anunciase o seu cambio de postura en relación ao Sáhara Occidental, leva meses parada, despois que a parte alxerina trasladase as súas novas condicións e non recibise contestación pola parte española. Neste sentido, Alxeria podería cortar o envío de gas no caso de que Naturgy non responda nun período de tempo non especificado.

Italia e Francia si aceptaron as condicións

As empresas encargadas de xestionar o gas chegado de Alxeria en Italia (ENI) e Francia (Engie) xa terían aceptado estas novas condicións. Precisamente, hai dúas semanas o presidente de Francia, Emmanuel Macron, visitou o país africano para dar pé ao comezo das negociacións entre Engie e Sonatrach.

Unhas conversas das que se obtivo, segundo medios franceses, o compromiso de que Alxeria duplique o seu subministro de gas natural a Francia, cubrindo así 15% das necesidades francesas de gas.

Non é a primeira vez que o envío de gas desde O Magreb ao Estado español corre o risco de ser cortado. O pasado ano, o Goberno alxerino ameazou con paralizar o subministro se o Executivo estatal español tomaba a decisión de enviar gas natural de Alxeria a Marrocos a través do gasoduto Magreb-Europa.

Comentarios