A UE pide aos estados membro aumentar o gasto en armamento após detectar unha "carencia" de 160.000 millóns

Borrell cre que os países atravesaron na última década "un proceso silencioso de desarmamento" e Von der Leyen avanza a creación dun ente comunitario, dotado con 500 millóns de euros, para a compra conxunta de material militar entre países.
Josep Borrell e Ursula von der Leyen, esta semana, en Bruxelas. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Josep Borrell e Ursula von der Leyen, esta semana, en Bruxelas. (Fotos: Europa Press)

A Unión Europea considera insuficiente o orzamento dos seus estados membro en Defensa e avoga por incrementalo de forma conxunta. Avanzouno na terza feira o alto representante da UE de Exteriores, Josep Borrell, que advertiu dunha "carencia" de 160.000 millóns de euros.

Así o concluíu un informe sobre o gasto en Defensa dos Vinte e sete, que atravesaron, afirmou Borrell, "un proceso silencioso de desarmamento", polo que os instou a "gastar máis, e máis xuntos".

Esta cuarta feira, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, pediu "manter o impulso" en materia de gasto militar e facelo de forma coordinada, unha cuestión da que se mostraron partidarios os titulares de Defensa dos diferentes países.

"Debemos asegurarnos de que os cartos se gastan de forma coordinada e de forma que aborde as nosas lagoas", dixo, en alusión a unha iniciativa que presenta o ente comunitario para fomentar esas compras conxuntas.

Para Bruxelas, a guerra en Ucraína "puxo de manifesto os efectos de anos de gasto insuficiente en Defensa". Por iso, Von der Leyen convidou a "aumentar as compras conxuntas porque é mellor operativamente para as Forzas Armadas" da Unión, "financeira e industrialmente".

A UE ten como obxectivo que, cando menos, 35% das compras de armamento se produzan de forma conxunta; porén, estima que en 2020 foron só 11% delas.

500 millóns de euros para as compras conxuntas de armas

O Executivo comunitario propón crear un novo instrumento dotado de 500 millóns de euros para incentivar as compras conxuntas. Para elo, en cada compra deberán participar un mínimo de tres estados membro, e as adquisicións deberán contribuír a "fortalecer as capacidades de Defensa e a industria europea".

Estes fondos proveñen do orzamento da UE e "cumpre cos seus tratados", segundo afirmaron desde Bruxelas. A idea é pór en marcha este mecanismo "o antes posíbel".

Comentarios