Preocupación nas explotacións gandeiras polo sacrificio de animais: "É puro salvaxismo"

A Federación Rural Galega (Fruga) alerta dos "graves prexuízos" que a campaña de saneamento está a causar nas granxas da Galiza. Sindicato e explotacións denuncian que se sacrifican animais sen ningunha enfermidade por non realizar novas comprobacións. 
Un gandeiro xunto ás vacas da súa gandaría en Sabadelle, Chantada (Foto: arlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un gandeiro xunto ás vacas da súa gandaría en Sabadelle, Chantada. (Foto: arlos Castro / Europa Press).

A Federación Rural Galega (Fruga) vén de denunciar que as actuais campañas de saneamento que se están a realizar nas explotacións gandeiras da Galiza, tal e como están deseñadas pola Xunta da Galiza, “causan graves prexuízos ás gandeiras e as gandeiros”. Desde o sindicato sinalan que unha vez executadas se están notificando “un importante número de sacrificios como consecuencia dunha reacción a proba de tuberculose” en animais que “cando acoden ao matadoiro e son analizados a través dunha proba postmorten, confirmase que eran animais sans”. 

Para o gandeiro e coordenador de sectores gandeiros da Fruga, Elías Somoza, esta circunstancia créase por contar a Consellaría de Medio Rural cun "protocolo moi agresivo". Critica, en declaracións a Nós Diario, a postura que adopta a Xunta, indicando que “é moi doado sacrificar un animal desde un despacho, pero desde logo a un gandeiro ou gandeira suponlle perdas considerábeis". Da mesma maneira, Somoza contata que, ademais, "o que aínda causa mais desconcerto e malestar nas ganderías afectada é que despois ese animal, ou animais, cheguen ao matadoiro e remate por demostrarse que non estaban contaxiados”. 

Por este motivo, o responsábel do sector na Fruga conclúe sobre este tema que “a defensa dos sectores agrogandeiros pasa por evitar sacrificios de animais sans, do contrario as explotacións galegas estamos a sufrir unha importante mingua de ingresos, e ao mesmo tempo problemas de adaptación dos novos animais que hai que repoñer nas nosas granxas”.

Sacrificio sen unha proba de contraste

Unha das explotacións afectadas que localizou Nós Diario é a de J.G., un gandeiro de Sarria que prefire non facilitar o seu nome por temor a represalias por parte da Administración galega. Leva toda a vida traballando nunha granxa con animais destinados a carne e na actualidade conta nela con 32 cabezas adultas. En 2021 notificou á Oficina de Extensión Agraria a compra dunha vaca procedente do Cantábrico indicándolle que  “estaba todo en regra”, segundo explica a Nós Diario o gandeiro.

Estes días recibiu a visita veterinaria da Consellaría de Medio Rural para unha inspección e o resultado foi que catro dos seus animais deron alteración á tuberculose. “Agora obríganme a sacrificalas e non queren facer unha proba comparada para verificar se existe a posibilidade de que teñan esa enfermidade”, asegura o propietario da explotación, “dixéronme que era por ter esa outra vaca do Cantábrico que, ademais, deu negativo na mesma proba que as outras”, engade.

As persoas responsábeis da campaña de saneamento coas que falou explicáronlle que a razón de non facer outra proba para asegurarse o diagnóstico era “por contar cunha vaca dunha zona do Cantábrico onde houbo problemas coa tuberculose en 2015”. Nós Diario tentou contactar con persoal veterinario para obter declaracións sobre este tema mais sen éxito. Porén, nalgún caso admiten que sería desexábel "a realización de probas máis específicas e menos sensíbeis" para que non se deran estes casos. Nesta mesma liña, Elías Somoza propón "facer máis probas e máis seguimentos co fin claro de evitar as mortes". Pola contra, rexeita o funcionamento actual que "semella que para acabar coa enfermidade quere tamén acabar coa cabana de animais". 

“Salvaxismo” cos animais 

O gandeiro de Sarria afectado pola orde de sacrificar catro animais non entende que se lle negue unha proba de contraste,  tamén chamada comparada, para saber se as reaccións das súas vacas se deben a outro tipo de enfermidades, como pode ser a gripe aviar. Considera que posibelmente as súas irán ao matadoiro “malia estar sas”, unha situación que lle afecta, ademais de economicamente, tamén “a nivel emocional”. 

No mesmo municipio hai temor nas explotacións polos casos de sacrificio de animais sans que se dan. Noutra granxa de Sarria, onde non se deu ningún caso, a súa propietaria, Adela, cre que o que fan “é puro salvaxismo”. Na actualidade conta na súa propiedade con 50 animais e traballa o leite ecolóxico. En conversa con Nós Diario, esta gandeira galega  considera que a actual campaña de saneamento que leva a cabo a Xunta “non é factíbel para as gandeiras e os gandeiros” que xa teñen “grandes dificultades para conseguir vacas e adaptalas segundo sexa a súa explotación”.

Pon en evidencia, ademais, que na súa mesma zona están fechando moitas explotacións que traballan co gando nos últimos meses por non poder con todos os problemas que teñen. “Aseguran que están cansos por este sistema que lles presiona cada vez máis, é diferente a ter a mala sorte de contar con algunha enfermidade, aquí falamos de algo que habería que asegurar para non causar prexuízos para toda a vida”, relata Adela.

Medio Rural reafírmase na normativa

Preguntada por Nós Diario, desde a Consellaría recoñecen que desde 2021 “a Comisión Europea declarou Galicia como zona oficialmente libre de tuberculose bovina” pola “prevalencia desta enfermidade inferior a 0,1%”. Porén, sinalan que “o mantemento” deste estado “require a aplicación constante dos requisitos xerais de vixilancia para a detección da infección, para continuar protexendo a saúde pública e a sanidade animal do resto dos rabaños”.

Ademais, Medio Rural lembra que a Galiza foi “pioneira no uso de estudos individualizados de risco, uso dunha porcentaxe elevada de probas de alta especificidade e de medidas flexibles á inmobilización de explotacións”.

Este departamento da Xunta asegura que “é falso que as reses se sacrifiquen sempre que resulten reaccionantes nas probas oficiais de diagnóstico da tuberculose” e incide en que “só son sacrificadas cando hai existencia de antecedentes da enfermidade, ou cando do resultado do estudo epidemiolóxico realizado se conclúe que existe risco da existencia da enfermidade”. Neste caso, indican, “é preciso sacrificalas, segundo establece a normativa, pola que rexen as actuacións dos Servizos Veterinarios Oficiais, que sempre están dirixidas a garantir a viabilidade dos rabaños afectados e o interese xeral do sector gandeiro, a sanidade animal e a saúde pública”.

Por último, apuntan que os sacrificios realízanse “conforme á normativa de aplicación e en función dos riscos sanitarios existentes” e a normativa de aplicación recolle “que a proba da intradermotuberculinización é única no tempo e non pode ser obxecto de contraanálise” polo que, entenden, que “o maior problema desta proba, nos rabaños con antecedentes ou con animais de risco, son os falsos negativos, non os falsos positivos”.


Indemnizacións que non compensan o sacrificio

As explotacións gandeiras teñen dereito a unha indemnización por cada animal sacrificado. O baremo oficial do Ministerio de Agricultura estipula que nas explotacións de carne, o valor dos animais adultos (24-48 meses) é de 707 euros. No caso das granxas de leite, as vacas de 24 a 48 meses sería de 907 euros. Son os valores máximos por animal e o importe diminúe cando os animais son de menor idade. Segundo a norma, o pago estándar sitúase en 85% destas cantidades agás cando se realice un baleiro sanitario.

"Pagan unha subvención mais custa moito facer unha xenética válida na túa explotación e criar as tenreiras", relata Adela a Nós Diario. Esta gandeira ten escoitado por parte de persoal da Administración galega que "coa subvención podes comprar outra", mais entende que non é ese o sistema. "Leva moitos anos conseguir que un animal chegue ao nivel que ti consideras óptimo", afirma, "e iso non se valora nos importes que teñen asignados hoxe en día", engade. Neste sentido, lembra que cando se compra un animal "aínda non sabes que produción che vai dar nin que tenreiros terás" ademais de non ter moito mercado "por falta de vacas na Galiza por culpa deste tipo de situacións".

Comentarios