A gandaría ecolóxica axuda a preservar os hábitat e os recursos alimentarios da fauna

Un informe de Craega incide no rol "positivo" que xogan as granxas ecolóxicas  no territorio onde se asentan.
Presentación do informe de Craega, hoxe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Presentación do informe de Craega, hoxe. (Foto: Europa Press)

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Creaga) destaca que a actividade gandeira ecolóxica preserva os hábitat e os recursos alimentarios para a fauna, ademais de ser un sector "imprescindíbel" para a flora. Así o manifestou esta quinta feira a entidade tras a presentación dun estudo da biodiversidade nas granxas de produción ecolóxica de bovino, realizado conxuntamente por Craega e mais a Asociación Xeito Rural.

Este Estudo de cuantificación dos baremos cualificativos da biodiversidade nas explotacións de produción ecolóxica de bovinos de leite e carne conclúe que as granxas colaboradoras teñen un papel positivo no territorio onde se asentan.

Outra das conclusións é que o gando, cun manexo correcto, contribúe á durabilidade do solo, axudando tamén á calidade das augas, subliñaron desde Craega. Aliás, a actvidade gandeira "esculpe un mosaico paisaxístico que nos define" e que é "imprescindíbel" para a conservación das razas autóctonas.

O gando criado en ecolóxico presenta numerosos beneficios, pois estas granxas dispoñen de potencial suficiente para ofrecer ao animal todas as condicións necesarias para alcanzar o seu benestar e comportamento natural, "conseguindo unha alimentación adaptada á súa fisioloxía e vivindo nun ambiente similar ao seu biotipo". E á diferenza das 'macrogranxas', estas pequenas explotacións buscan conseguir "unha produción animal e agrícola compatíbel con produtos animais de alta calidade".

Á presentación do informe acudiu o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, quen puxo en valor a evolución positiva da agricultura ecolóxica da Galiza nos últimos anos.

Comentarios