Silencio das administracións ás demandas de 700 organizacións do Estado en apoio á agricultura a pequena escala

As entidades puxéronse en contacto con varios ministerios e mantiveron unha reunión co de Consumo o pasado 17 de Abril sen obter resposta algunha a día de hoxe.

Mercado Entre Lusco e Fusco (Nós Díario)
photo_camera Mercado Entre Lusco e Fusco (Nós Díario)

Os mercados non sedentarios de proximidade seguen fechados como consecuencia das decisións tomadas pola activación do estado de alarma o pasado 14 de marzo. Os concellos seguindo primeiro a letra do Real Decreto estatal e logo a da propia Xunta da Galiza, prohibiron a realización dos mercados e feiras.

Agora en territorios como Euskal Herria, País Valencià e Catalunya algúns concellos comezaron a autorizar mercados de proximidade diante da falta de decisións sobre este tema por parte do Goberno español, non na Galiza onde seguen fechados.

Comunicados e reunións ministeriais   

Unhas 100 organizacións de todo o Estado demandaron por escrito ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación unha solución a este grave problema.

Unha semana máis tarde, a mesma petición enviouse tamén ao Ministerio de Consumo e ao Ministerio de Sanidade, ao recibirse resposta de Agricultura alegando que as demandas presentadas eran competencia deste último.

A última reunión tivo lugar o 17 de abril co Ministerio de Consumo

“Como resultado desta acción tivemos resposta de ambos ministerios”, explican nun comunicado desde o Sindicato Labrego Galego (SLG), “por un lado, Sanidade contestou comunicando que trasladaba as peticións ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, alegando que os mercados non sedentarios eran competencia de este Órgano e, por outro, Consumo emprazounos a unha reunión que tivo lugar a pasada sexta feira 17 de abril”, engaden.

A xuntanza, segundo o SLG “demostrouse sintonía e boa disposición para axudarnos a conseguir as nosas demandas mais até o día de hoxe non tivemos resultado algún”.

Sen novidade na Xunta

Federación Rural Galega (FRUGA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) rexistraran na Consellaría de Medio Rural o psado 14 de abril unha proposta de protocolo para regular a celebración de feiras e mercados alimentarios de proximidade na Galiza mentres dure o estado de alarma.

A aplicación deste protocolo garantiría as condicións de seguridade que, segundo estas organizacións, serían superiores ás de calquera supermercado.

Algunhas das ideas incluídas no protocolo eran máis estrita en cuestións como as distancias ou a manipulación dos alimentos

Algunhas das ideas incluídas no protocolo eran máis estrita en cuestións como as distancias, o uso de cartos en metálico ou a manipulación dos alimentos.

A Xunta non adoptou ningunha decisión por agora e desde A Consellaría de Medio Rural están á espera do que diga o Goberno español.

Petición de medidas urxentes

As organizacións agrarias e ecoloxistas instan á administración española a adoptar medidas económicas e fiscais para mitigar o impacto económico que está provocando esta crise nas economías labregas.

Demandan que as diversas administracións aposten polas producións locais na compra pública de alimentos para fornecer hospitais, centros de maiores, comedores sociais, comedores escolares ou bancos de alimentos ademais de recoñecer a produción de pequena escala e os espazos de autoabastecemento como esenciais para as nosas comunidades. Por último exixen coordinación entre administracións para non xerar confusión, dispersión e ineficacia na toma de medidas.

Comentarios