Organizacións e colectivos reclaman nun manifesto a reapertura dos mercados alimentarios de proximidade

Cincuenta entidades exixen que Medio Rural rectifique a súa decisión e considere abrir de novo a venda directa a través das feiras e mercados tradicionais.

Encontros de consumo responsábel "Entre lusco e fusco" en Compostela (ELF)
photo_camera Encontros de consumo responsábel "Entre lusco e fusco" en Compostela (ELF)

A prohibición dos mercados e feiras tradicionais está a causar un grave prexuízo a unha boa parte do rural galego. Hai uns días as organizacións agrarias Federación Rural Galega (Fruga) e Sindicato Labrego Galego (SLG) exixían á Xunta da Galiza que rectificase sen moito éxito.

Agora máis de corenta organizacións galegas de diversos ámbitos veñen de facer público un manifesto no que piden que se reabran os mercados alimentarios de proximidade como garantes da seguridade alimentaria de Galiza no contexto actual de estado de alarma e emerxencia sanitaria pola pandemia da Covid-19.

Entre os colectivos asinantes atopamos unha ampla representación da sociedade galega a través de sindicatos agrarios e obreiros como Fruga, SLG e CIG; organizacións ecoloxistas como Adega, Amigas da Terra, Nais polo Clima ou o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL); unha de ducia de entidades investigadoras vinculadas ás universidades de Santiago de Compostela e Vigo; varios centros sociais; ou diversas agrupacións de consumo, labregas e profesionais.

No manifesto reclaman á Consellaría de Medio Rural, en colaboración cos concellos, todos os esforzos posíbeis para que a partir do vindeiro 31 de marzo, data límite na que a Xunta prohibiu a celebración de mercados alimentarios de proximidade, volva autorizalos “preocupándose de que dispoñan dos medios materiais e humanos necesarios para organizar e aplicar correctamente todos os protocolos de seguridade a que obriga a orde de 23 de marzo de 2020 sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados”.

Comentarios