A representación das empresas da Galiza atomízase

Até catro entidades diferentes dan voz ao tecido empresarial galego.
A CEG celebrará eleccións o vindeiro 24 de novembro (arquivo).
photo_camera Representantes das sectoriais e dos empresarios de Pontevedra anuncian a súa intención de deixar a CEG (arquivo).

Clubes financeiros, círculos de empresarias, clústeres... A representación das empresas na Galiza está cada vez máis atomizada. A falta de interlocutores ou a existencia de múltiples voces complica a defensa dos intereses das empresarias galegas e a negociación de cuestións chave para as súas traballadoras. 

Esa dispersión e división faise especialmente visíbel na Confederación de Empresarios da Galicia (CEG), que o pasado mes de xaneiro cumpriu dous anos sen presidente, após a marcha de Antón Arias, cuxo nomeamento non estivo exento de polémicas. 

Desde entón intentaron convocar eleccións até en dúas ocasións, pero a falta de candidatos e o feito de non ter aínda aprobadas as contas do exercicio 2018 fixeron que non se chegase nin tan sequera a votar. Parece que xa teñen data para un novo intento. Será o 30 de abril. 

O problema é que a división interna é demasiado forte. En xaneiro, a CEG convocou unha xunta directiva para sacar adiante as contas, pero tampouco se puido debater esta cuestión, xa que a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e as sectoriais consideraron que non tiñan información suficiente para sacalos adiante. 

Seis meses antes, en xuño, tanto a CEP como as sectoriais, entre as que destacan a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime) ou a Federación Galega de Centros de Ensino, liderada polo ex presidente da patronal, Antonio Dieter Moure, ameazaron con saír da CEG se nos se convocaba a comisión económica para tratar nela os gastos adoptados pola institución en 2019, así como a ausencia de orzamentos, contas e auditoría de 2018.

Namentres, Antonio Fontenla, presidente dos empresarios da Coruña, ao ser o vicepresidente de maior idade, exerce como portavoz da institución, que non por falta de presidente deixa de ter actividade. De feito, nos últimos meses sacou adiante un acordo de diálogo social cos sindicatos UXT e CCOO para, entre outras cuestións, defender a igualdade de oportunidades ni mercado de traballo, promover unha contratación responsábel desde a Administración e apostar na formación e o emprego de calidade.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios