A renda dos fogares nas cidades galegas é menos da metade que nos ‘municipios de ouro’ de Madrid

Ferrol, Ourense e Lugo figuran no tramo final do ranking de 126 cidades do Estado por renda neta media anual por fogares. Vigo, A Coruña e Compostela están mellor situadas, mais a moita diferenza duns primeiros postos copados por urbes catalás, vascas e nomeadamente madrileñas.

urbanicidade

A renda neta media anual dos fogares en Ferrol é de 26.126 euros. A anos luz de cidades como Pozuelo (76.887 euros), Majadahonda (60.173 euros) ou Las Rozas (59.000 euros), os tres concellos (todos de Madrid) que lideran o ranking desta renda nas 126 cidades do Estado español. Unha fenda máis que notábel.

De feito, a cidade galega mellor situada, Compostela, figura no posto 20 con 33.194 euros; a metade que Pozuelo. E case 8.000 euros máis que Ferrol. Lugo e Ourense móvense na renda media anual de fogares dos 27.000 euros; A Coruña achégase aos 31.000 euros, no nivel de Vigo.

Das dez cidades do Estado español con mellor renda 6 son madrileñas, 2 catalás e 2 vascas.

Fenda en Galiza

En Galiza a riqueza por cabeza no concello máis rico (Oleiros, 37.584 euros por habitante) triplica claramente a do máis pobre (Cervantes, 11.188 euros). A media galega é de 22.353 euros, 15.000 euros por baixo de Oleiros mais 11.000 euros por riba de Cervantes.

Na listaxe dos concellos máis ricos figura, ademais de Oleiros, As Pontes de Garacía Rodríguez (29.749 euros), Nigrán, con 27.338;A Coruña con 27.290 euros e Santiago, con 27.181. No outro extremo, os municipios máis pobres de Galiza en canto a renda per cápita están Toques (12.113 euros), Paradela (12.644), Baleira (12.698 euros) e Riós, con 12.721.

Comentarios