Os recortes financeiros e de persoal en Maersk deixan no ar a factoría en Langosteira

A multinacional busca despedir 10% do persoal.
Pedro Sánchez, no centro, cos directivos de Maersk, en novembro. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, no centro, cos directivos de Maersk, en novembro. (Foto: Europa Press)

Despois de que a multinacional danesa Maersk revelase en xullo novos prazos para a instalación dunha factoría de biometanol na contorna do porto de Langosteira, na Coruña, o que implicou un novo atraso nas súas previsións iniciais para o desenvolvemento do proxecto, a empresa deu a coñecer unha importante caída de beneficios.

Así, Moller-Maersk, matriz do operador marítimo de mercadorías, logrou un beneficio neto atribuído de 4.258 millóns de dólares (3.971 millóns de euros) nos nove primeiros meses de 2023, o que supón un retroceso de 82,4% respecto das ganancias de 24.840 millóns de dólares (23.169 millóns de euros) do mesmo período do ano pasado tras a fin do 'boom' do transporte por mar.

No terceiro trimestre, o beneficio neto atribuído da danesa alcanzou 521 millóns de dólares (485,9 millóns de euros), 94,1% menos que durante o mesmo período do ano 2022.

Á luz dos resultados obtidos e en anticipación a uns mercados que permanecerán "volátiles" cunha "rendibilidade contestada de forma crecente polo actual aumento da oferta na división de transporte marítimo", Maersk afirmou que "reforzará as súas iniciativas de redución de custos". Para ese efecto, a navieira comunicou que pretende reducir o seu persoal en 10%, desde os 110.000 traballadores que contaba o pasado xaneiro até os 100.000 empregados.

Maiores dúbidas na Galiza

Se ben a chegada de Maersk a Galiza xa ficaba en dúbidas despois dos anuncios da empresa para adiar o seu estabelecemento no país, os recortes financeiros e de persoal supoñen unha nova incerteza sobre a posibilidade de que o proxecto na Coruña finalmente prospere.

O 2 de novembro do pasado ano, os directivos de Maersk presentaron xunto ao presidente español Pedro Sánchez a súa proposta ligada ao biometanol para instalarse en Langosteira. 

Comentarios