A base de cotización dos novos traballadores é menos da metade que a dos veteranos

Hai unha diferencia de 950 euros ao mes entre a base de cotización media dos asalariados de até 24 anos e ados que teñen máis de 55. Unha fenda que se alarga aínda máis se a asalariada é muller.

cartos
photo_camera cartos

A base de cotización media dun traballador de menos de 24 anos é menos da metade da dun asalariado de máis de 55. Algo menos de 850 euros mensuais os primeiros, perto de 1.800 euros os segundos. A fenda é duns 950 euros ao mes. Unha distancia que permite vislumbrar a desfeita laboral que tivo lugar nestes anos, cuns empregos precarios, temporais e mal pagos ens ectores que ocupan o espazo noutrora de traballos mellor remunerados.

Se a persoa asalariada ten entre 25 e 34 anos a base de cotizaciíón media sitúase nos 1.272 euros, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Superior ao do tramo anterior, os traballadores de menos de 25 anos. Mais inferior ao das persoas asalariadas que teñen máis de 55 anos. DE feito, indican estas estatísticas, a base de cotización dos maiores de 65 anos é superior ao que cotizan na actualidade os traballadores entre 16 e 44 anos. Indicador claro de como se foi perdendo masa salarial ao longo de todos estes anos.

Fenda feminina

A este cadro hai que engadirlle unha cor máis, a feminina, para ter completa a imaxe. A fenda entre a base de cotización dun home e dunha muller é, de media, de 340 euros ao mes. Unha fenda que se dá en todos os tramos de idade, tamén entre o tramo correspondente aos traballadores máis novos. Os varóns asalariados entre 16 e 24 anos teñen unha base media 220 euros superior ao das súas compañeiras (955 euros fronte a 737). Entre os de máis de 55 anos, esa fenda é de 420 euros.

Por cidades, a de Santiago é onde está a base de cotización máis alta, con 1.698 euros de media, mentres que no outro extremo atopamos Ourense, con apenas 1.500 euros. Aquí tamén vemos a discriminación feminina. Na capital de Galiza a fenda entre a media cotizada polos homes e mulleres é de 223 euros. En Ourense, esa diferencia é de 250 euros.

Comentarios