A quen afecta a suba do imposto de matriculación?

Esta taxa actualizouse o pasado 1 de xaneiro e a súa suba afecta uns 250.000 vehículos en todo o Estado español, segundo precisou Moncloa.
A autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera A autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Foto: Arxina).

O Goberno estatal cifrou esta segunda feira nuns 250.000 os vehículos que, malia seren adquiridos en 2021, serán entregados ás persoas compradoras este ano e veranse afectadas, en consecuencia, pola suba do Imposto Especial sobre Determinados Medios de Transporte, máis coñecido como imposto de matriculación, pola súa adaptación á nova normativa europea sobre emisións contaminantes, en vigor desde o pasado 1 de xaneiro.

Así o recoñece nunha resposta rexistrada no Congreso ao deputado de Foro Asturias, Isidro Martínez Oblanca, que preguntara ao Executivo polo alcance desta suba impositiva entre aqueles compradores que mercaran o pasado ano un vehículo, mais cuxa entrega non chegara antes do remate de 2021.

Martínez Oblanca destacaba na súa pregunta como milleiros de persoas se viron afectadas polo atraso provocado pola crise de subministracións, principalmente semicondutores, e a escaseza de materias primas, que está a afectar de forma significativa a industria do automóbil.

Na súa resposta, o Goberno precisa que o incremento no imposto de matriculación segundo as emisións de dióxido de carbono (CO2) do vehículo aplicarase aos compradores que reciban os seus vehículos novos en 2022, aínda que formalizasen a súa adquisición o ano pasado. "Segundo as primeiras estimacións, calcúlase que o número de vehículos nesta situación ascende a uns 250.000", concreta o Executivo na súa resposta.

Todo iso tras a entrada en vigor o pasado 1 de xaneiro da actualización dos treitos de emisións, a partir do protocolo de emisións WLTP, máis estrito que o anterior (NEDC), que rebaixa o número de modelos exentos do abono desta taxa.

A suba estaba prevista para mediados do ano pasado, mais, tras forzar a oposición unha mudanza legal para compensar o incremento, o Goberno aceptou unha rebaixa temporal do imposto para prorrogar esta suba ao 1 de xaneiro de 2022.

Desde esa data, aqueles modelos que emiten menos de 120 gramos de CO2 por cada quilómetro percorrido non pagan o imposto de matriculación. Porén, os vehículos que emiten entre 121 e 159 gramos de CO2 pagan 4,75% deste imposto, e 9,75% abónano aqueles clientes con automóbiles que emiten entre 160 e 199 gramos de CO2. O último treito está destinado a aqueles vehículos que expulsan máis de 200 gramos, cuxos propietarios deben abonar 14,75% da taxa.

Comentarios