martes 28/09/21

Sabes que empresas de telefonía teñen máis reclamacións?

A Unión de Consumidores da Galiza (UCGAL) analiza os datos oficiais de reclamacións dos principais grupos de telecomunicacións que operan no país.
Persoas empregando teléfonos móviles (Eduardo Parra / Europa Press).
Persoas empregando teléfonos móviles (Eduardo Parra / Europa Press).

As queixas de usuarias e usuarios sobre o servizo que prestan as empresas de telecomunicacións son múltiples. Por este motivo a Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal) vén de examinar os datos de reclamacións dos operadores de telecomunicacións a través dos ofrecidos pola Secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (Setid) e pola Oficina de Atención dos Usuarios das Telecomunicacións (Ouatel).  

Reclamacións segundo a OAUTEL

O volume de reclamacións de servizos converxentes (aqueles que inclúen varios servizos dentro dunha mesma tarifa) oscila entre o 1,24 de Movistar e o 9,04 de Vodafone, situándose o resto de operadores entre o 1,79 de Euskaltel e o 4,35 de R. Cómpre considerar que o 81% das liñas fixas e o 86% das móbiles soportan servizos converxentes.

Respecto das queixas sobre a atención ao cliente, os rexistros do organismo sinalan que Movistar presenta o menor volume (0,17) e Vodafone triplica o dato (0,51).

En canto ás reclamacións sobre servizos móbiles, a Ouatel sitúa a Vodafone co peor índice de reclamacións (3,71) e a Orange co mellor (1,27).

As reclamacións sobre o servizo fixo presentan un volume que vai desde o 2,7 de Euskaltel até o 33 de Orange, pasando polo 27 de MasMovil e o 19,5 de Vodafone.

Reclamacións segundo a SETID

As reclamacións sobre o servizo móbil varían entre o 0,45% de Vodafone até perto do 2,5% de Orange e Movistar.

Nas contas prepago, as porcentaxes invértense, xa que flutúan entre o 0,087% de Movistar e o 2,22% de Vodafone.

As reclamacións relativas a facturas sitúanse entre o 0,057% de Vodafone e o 1% de Movistar. Os tempos de resolución de reclamacións varían desde os 23 días de R ou os 19 de MasMovil até os 2,71 de Vodafone.

Para o servizo fixo, a Setid amosa un abano que vai desde o 0,96% de MasMovil até máis do 5% de R e Telecable. Os tempos de resolución móvense entre os 5,30 días de Vodafone e os case 20 de MasMovil e R.

Por último, as reclamacións sobre facturas presentan uns rexistros desde o 0,20% de MasMovil até o 1,41% de Telecable.

comentarios