Que empresas emprazadas na Galiza pagan os impostos en Madrid?

Planta de Alcoa San Cibrao. (Foto: Europa Press)
photo_camera Planta de Alcoa San Cibrao. (Foto: Europa Press)

Alcoa é a factoría con máis man de obra ocupada do conxunto das comarcas de Lugo.Segundo os datos fornecidos pola propia multinacional, ocupa no seu complexo de aluminio e alumina de Cervo a preto de 1.500 persoas de xeito directo e arredor de 500 nas súas compañías auxiliares.

A fabrica impulsada a finais da década dos anos 70 polo Instituto Nacional de Industria (INI) foi privatizada en 1998 durante o primeiro Goberno de Aznar por 210 millóns de dólares. Porén, desde aquela recíbeu arredor de 180 millóns de euros de axudas públicas, fundamentalmente para reducir os custos de produción.

Os estudos realizados pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) afirman que a factoría representa 30% do total do Produto Interior Bruto da provincia. Malia que as cifras son cuestionados por algúns economistas, non hai dúbida que realiza a maior achega ao PIB desta área.

Alcoa

A única fábrica aberta por Alcoa no Estado é a de Cervo. Malia a isto, a compañía segue pagando o seu imposto de sociedades en Madrid, onde esta emprazada a sede social da compañía desde a súa fundación. Así, as cousas as achegas da empresa contabilizan a nivel territorial na capital do Estado.

A pasteira de Ence leva emprazada na ría de Pontevedra desde comezos da década dos anos 60. A compañía, cuxa influencia é decisiva na definición da política forestal galega e no réxime de monocultivo de eucalipto, naceu impulsada polo sector público e fixo parte do conglomerado estatal.

A factoría mantívose en mans do INI até 2001, en que foi privatizada e entregada a un círculo de empresarios moi ben ligados cos poderes do Estado. Neste sentido, unha parte importante do seu capital pasou a mans dos curmáns Alberto Cortina e Alberto Alcocer, considerados por moitas investigacións os auténticos banqueiros de Juan Carlos de Borbón. Tanto é así que o propio monarca chegou a posuír unha participación relevante no accionariado da fábrica pontevedresa.

Ence

Ence afirma contar con preto de 400 traballadores e un numero importante de empresas contratistas. Independentemente da súa achega ao PIB da comarca pontevedresa, que a compañía chegou a elevar a 24%, a compañía nunca tributou na Galiza malia o seu impacto ambiental. A súa sede social atópase en Madrid onde paga o seu imposto de sociedades

A historia de Alcoa e Ence repítese por toda a xeografía galega. Outro tanto, acontece na Costa da Morte coa factoría de Xeal, que se beneficia dos encoros do Ézaro e cuxo cadro de persoal supera 500 traballadores. A compañía nunca deixou de tributar en Madrid.

Navantia

A construción naval é o sector económico estratéxico da ría de Ferrol. Os principais centros de traballo son os estaleiros de Navantia en Fene e Ferrol, empresas que ocupan o maior número de persoal da comarca e da que dependen ducias de compañías auxiliares. O propietario dos mesmos é a Sociedade Estatal de Participacións Industrias (Sepi), entidade dependente do Estado, cuxa sede social está en Madrid, onde tributa a Facenda.

O sector enerxético é un dos máis importantes da economía galega. As tres primeiras compañías en produción de electricidade no país son Iberdrola cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts de orixe hidráulica e de 599,5 de carácter eólico,  Naturgy cunha potencia instalada de 1.120 megawatts hidráulicos e de 393,2 megawatts eólicos e Endesa de 375 megawatts hidráulicos e de 262 eólicos. As referidas empresas, en cuxo capital xogan un papel decisivo os fondos de investimento e as empresas públicas de Estados como Catar, Italia ou Alxeria, teñen a súa sede fiscal en Madrid, onde tributan polo imposto de sociedades.

4.165 empresas en total

4.165 empresas con actividade na Galiza pagan os seus impostos en Madrid. Segundo as cifras achegadas polo Instituto Galgo de Estatística (IGE) para 2020, último ano con datos, 3.483 desenvolven a súa actividade nos servizos, 357 na industria extractiva e na enerxía, dedicándose 339 á xeración eléctrica, 262 na industria manufactureira, 289 na construción, con particular presenza das enxeñarías e empresas de obra civil, 208 na hostalaría e 170 no sector das finanzas e seguros.

Comentarios