A propietaria da AP-9 tamén entra no negocio das residencias de maiores na Galiza

Comprou dous centros a Domus Vi, en Oleiros e Pontevedra.

Dous camións pasando pola AP-9 (Foto: Arxina).
photo_camera Dous camións pasando pola AP-9. (Foto: Arxina).

As residencias de maiores de titularidade privada na Galiza seguen a cambiar de mans, con procesos de compra e venda que son sinal de que o negocio continúa a ser rendíbel. Menos de 20% das residencias de maiores da Galiza son públicas e apenas 5.000 das 22.000 prazas que hai están en centros públicos. 

Aos até de agora grandes nomes do sector das residencias que non son de titularidade pública, como DomusVi ou Fundación San Rosendo, súmanse agora nomes de xestoras de fondos como Threestones Capital, de Luxemburgo; ou Wellder, da que fai parte o fondo de pensións holandés APG.

APG xa ten negocios na Galiza e moi suculentos. Este fondo é, desde novembro de 2022, o que ten o control da AP-9 a través da súa presenza no grupo Itinere. Un control que non estivo exento de pugna coa española Globalvía.

Agora, e ademais da Autoestrada do Atlántico, APG tamén desembarca no negocio das residencias privadas de maiores. Faino da man dunha socimi (sociedade anónima cotizada de investimento inmobiliario) que participa canda Renda Corporación: Wellder

Wellder comprou cara a finais eo ano pasado cinco residencias a DomusVi no Estado, das cales dúas estaban na Galiza: DomusVi Ciudad de Pontevedra, cunha superficie de 5.258 metros cadrados e 120 camas; e DomusVi A Coruña Oleiros, con 5.453 metros cadrados e 154 camas. Unha operación pola que desembolsou 36 millóns de euros.

Mais recentemente, a xestora de fondos luxemburguesa Threestones Capital Management  fíxose con cinco activos de DomusVi, antiga Geriatros, por un importe de 30 millóns de euros. Tres deses cinco centros están na Galiza, nas localidades de Noia (comarca homónima), Lalín (comarca do Deza) e Cangas (O Morrazo).

Os propios datos da Administración autonómica cifran en 5.000 as camas dispoñíbeis en centros públicos. Nos privados hai case 17.000 prazas. En total, 22.000. Os fondos públicos sufragan 13.000 en total, as 5.000 das residencias públicas e por volta de 8.000 en privadas. 

A Galiza fechou 2022 cun total de 409 residencias de maiores, das que máis da metade son privadas (213 residencias; 52%), sendo apenas 20% públicas (90 centros).  As outras 106 son de iniciativa social (26%), concepto que engloba desde aquelas sen ánimo de lucro — como a ducia que representa a Asociación Galega de Residencias e Centros de Anciáns de Iniciativa Social Acolle— até outras como pode ser a Fundación San Rosendo, o segundo operador de servizos de xeriatría da Galiza e ligada á igrexa católica. A Xunta da Galiza destinou nos orzamentos para 2023 perto de 100 millóns de euros para financiar as residencias privadas de maiores.

Comentarios